Seres indóMITOs: María Rey

Pontevedra
22 de setembro 2024

Cando os meus amigos e mais eu cursabamos os últimos anos de instituto, tiñamos o bo costume de rematar os exames tomando algo nun coñecido establecemento da rúa Gutiérrez Mellado. Alí sentados, mentres comparabamos respostas e estimábanse posibles notas, convertiámonos en espectadores das vidas de quen transitaba por unha das máis céntricas rúas da cidade

María Rey, candidata de Espazo Común á Alcaldía de Pontevedra
María Rey, candidata de Espazo Común á Alcaldía de Pontevedra / Mónica Patxot

Cando os meus amigos e mais eu cursabamos os últimos anos de instituto, tiñamos o bo costume de rematar os exames tomando algo nun coñecido establecemento da rúa Gutiérrez Mellado. Alí sentados, mentres comparabamos respostas e estimábanse posibles notas, convertiámonos en espectadores das vidas de quen transitaba por unha das máis céntricas rúas da cidade.

Habitual era ver a Isa e a Macuca de recados, a Lucía sacando a pasear a Bimba ou aos meus curmáns Mariluz e Adelicio equipados para ir a pilates... Non obstante, malia o enorme cariño que me une aos anteriores, todas e todos considerados referentes na nosa cidade, teño que confesar que había unha parella cuxo poder de atracción era maior: a que formaban Senito e María Luisa.

Se María Luisa levaba unha chaqueta rosa, da mesma cor era a camisa de Senito; se el optaba por unha americana azul, azuis eran os zapatos, bolso e pano de María Luisa. A mesma graza que tiñan para combinar(se) era a que tiñan con todo o mundo, e a mesma que herdou a súa filla, a nosa entrevistada, María Rey, en quen podemos ver a metade de cada un deles.

- Dime unha pregunta que non che guste que che fagan.

Pois que me pregunten como levo a morte dos meus pais... como o vou levar?

- Como te definirías?

Muller traballadora.

- De Pontevedra de sempre?

De sempre, filla e neta de pontevedreses.

- Como é a túa relación con Pontevedra?

Obrigada.

- Onde te ubicas: xeración baby-boom, xeración X ou xeración millennial?

Non son de etiquetas.

- Cales dirías que son as características da túa xeración?

Somos unha xeración feminista de verdade, non o que hai agora, solidaria, seria e respectuosa.

- A quen votaches nas túas primeiras eleccións?

Ao PSOE, e volvino votar varias veces.

- Sobre o teu paso pola política, algunha anécdota digna de ser contada?

Lembro unha intervención nun pleno no que lle pedía ao goberno que arranxase as fontes de Pontevedra, a contestación do concelleiro do BNG, Oubiña, baseouse en dicir que non era competencia súa e insinuar que eu non me decataba de nada... cando lle amosein unha foto dun cartel que poñía "FONTE MUNICIPAL" cambiou de cara.

- Como foi o día seguinte a deixar a política?

Igual que o anterior, non notei cambio, como tampouco o notei o día que entrei. Bo si, saudábanme máis persoas.

- Que reto pendente cres ti que ten Pontevedra?

Cambiar de alcalde.

- A clase política está á altura da sociedade?

Por suposto, emana da sociedade, non veñen doutro lado. Unha sociedade corrupta na que hai unha falta clara de valores, terá unha clase política corrupta na que escasean os valores.

- Que consello lle darías ao teu eu dos 20 anos?

Que faga o mesmo.

- Un ano sen ir a misa ou un ano sen ir de festa?

Sen ir a misa claramente.

- Que é a amizade?

O apego constante sen matices nin preguntas.

- Dime unha canción que te emocione.

Dúas, Tenía tanto que darte e Un sorbito de champán, que era a canción dos meus pais.

- Que hai despois da vida?

Espero que o descanso.

- O último capricho que te deras?

Unha fin de semana en Madrid co meu home.

- Cando dixeches por última vez "quérote"?

Hai 10 minutos ao meu home.

- E por último, a quen che gustaría ver nesta sección?

Ao meu sobriño, Xacobe Medina, un exemplo na sociedade.

Para María Pontevedra sabe a mar, cheira a rancio, é de cor branca e soa a música pop. Definitivamente, María Rey sente Pontevedra.

 

O CUESTIONARIO

− Nunca saio da casa sen... facer a cama.

− Na miña neveira sempre hai... comida para un rexemento.

− No meu armario destaca... a desorde.

− A idade é... aprender a vivir e a pasar da opinión dos demais.

− Sempre fun o ollo dereito de... meu pai.

− Pontevedra ten alma de... moitas almas.

− Creo en... min.

− O ano que marcou a miña vida foi... 2020.

− O mellor agasallo que me poden facer é... quererme.

− O meu lugar no mundo é... a miña casa.

− Se non puidese vivir en Pontevedra viviría en... a costa portuguesa.

− O meu momento favorito do día é... cando me deito no sofá e vanse os nenos á cama.

− Pontevedra... necesita volver crer en si mesma.