Seres indómitos: Quique Domínguez

Pontevedra
22 de decembro 2024
Actualizado: 13:39

A Asociación Celme cumpre 40 anos a pleno pulmón. Repasamos a traxectoria cun dos seus fundadores

Integrantes da Agrupación Folclórica Celme
Integrantes da Agrupación Folclórica Celme / Agrupación Folclórica Celme

Cando hai uns meses se inauguraba a exposición cos meus cadros no Liceo Casino, unha das partes que máis interese xerou foi a serie Bailes Galegos e, en concreto, unha das obras titulada "Brazo, sorriso e cabeza".

Ese título, que tanto debate suscitou, é a frase que a miña profesora de baile galego, a miña querida Teresa, nos repite unha e outra vez nas súas clases e que, á súa vez, ela, desde pequena, lle ten oído dicir ao seu pai, o noso entrevistado, Quique Domínguez.

Durante as clases, xunto á mellor parella de baile que podería ter, a miña amiga Palo, esforzámonos por manter mentres bailamos, os brazos ergueitos, o sorriso amplo e a cabeza mirando á fronte, e créanme, é máis difícil do que parece.

- Dime unha pregunta que non che guste que che fagan.

Calquera sobre política.

- Como te definirías?

Un home rigoroso, tenaz e respectuoso.

- Como é a túa relación con Pontevedra?

Extraordinaria.

- Onde te sitúas: xeración baby-boom, xeración X ou xeración millenial?

Son da xeración do baby-boom pero considérome máis xuvenil.

- Cales dirías que son as características desta xeración?

Somos unha xeración moi traballadora e sobre todo moi respectuosa cos seus maiores.

- Como comezaches no baile galego?

Pois cando eramos pequenos a nosa nai apuntounos aos meus irmáns e a min á escola de baile de Fita Novás. Decateime de que gozaba bailando e ano tras ano continuei naquela actividade que vin que me apaixonaba.

- Este período cheo de celebracións que estamos a piques de comezar é dobremente especial para vós...

Si, despois de celebrar os 15 anos, os 30 anos... celebramos os 40 anos da nosa asociación.

- Esperabades unha traxectoria tan longa?

Absolutamente non. Cando comezamos eramos só tres persoas, unha amiga, a miña muller e mais eu, dando clases a grupos de nenos e nenas menores de 16 anos. Queriamos ademais facer un labor de salvagarda da nosa cultura, polo que cando podiamos iamos por distintas parroquias recompilando cancións, pasos de baile, nomenclatura propia... e mesmo vestiario, coa axuda do artesán José Antero Rodríguez.

En 1987 fixemos a nosa primeira viaxe a Asturias onde comezamos a coñecer grupos doutras comunidades e países e, desde entón, visitamos todas as comunidades autónomas agás as illas e varios países.

- O ambiente artístico adoita ser como moi competitivo, ocorre o mesmo no caso do folclore?

En absoluto, o folclore é moi xeneroso axudándose. Ademais, aínda que se catalogue todo dentro dunha mesma categoría, realmente facemos cousas moi distintas. Por exemplo, pouco se parece o folclore galego ao murciano etc.

- Que é a amizade?

Algo moi bonito e importante.

- Se puideses viaxar no tempo, irías ao pasado ou ao futuro? Que farías?

Iría ao pasado e repetiría a mesma vida.

- Dime unha canción que te emocione.

Yesterday dos Beatles.

- Frío ou calor?

Frío.

- Que hai despois da vida?

Creo que pode haber un máis alá.

- O último capricho que te deras?

Pois o outro día fun comer eu só e tomei unhas nécoras e unhas ameixas.

- Cando dixeches por última vez "quérote"?

Hoxe mesmo á miña muller e ao meu fillo que recentemente acabamos de ir visitalo a Inglaterra.

- E, por último, a quen che gustaría ver nesta sección?

A calquera persoa que faga labores importantes polos demais e que probablemente sexan descoñecidos.

 

Para Quique Domínguez, Pontevedra sabe a tranquilidade, cheira a amor propio, é de cor verde e soa a pobo tradicional. Definitivamente, Quique sente Pontevedra.

 

O CUESTIONARIO

 

− Nunca saio da casa sen... carteira

− Na miña neveira sempre hai... queixo

− No meu armario destaca... o meu traxe de galego

− A idade é... algo que hai que vivir a tope

− Sempre fun o ollo dereito de... miña filla a maior

− Pontevedra ten alma de... serenidade

− Creo en... Deus

− O ano que marcou a miña vida foi... o 87, o 90 e o 92

− O mellor agasallo que me poden facer é... unha aperta

− O meu lugar no mundo é... Pontevedra

− Se non puidese vivir en Pontevedra viviría na... Coruña

− O meu momento favorito do día é... o aperitivo

− Pontevedra... foi o lugar onde gocei desde pequeno.

Quique Domínguez preparando unha queimada
Quique Domínguez preparando unha queimadaAgrupación Folklórica CELME