Seres indómitos: David Amor

cultura
13 de outubro 2024

Entrevista de Guillermo Meijón Corujo (MITO) ao humorista e actor David Amor

David Amor @davidamor
David Amor @davidamor /

"Amigo dos meus amigos, pero sobre todo sobriño dos meus tíos" reza a biografía do noso entrevistado no seu perfil de Instagram, e o certo é que podo dar boa fe diso pois teño a sorte de coñecer a gran parte da súa tan ampla como marabillosa familia. David Amor, máis aló de desbordar talento para a comedia e a interpretación, é un home bo, xusto e comprometido tanto coas persoas como coa contorna que o rodea

Ademais, deben saber que David é o verdadeiro primeiro ser indómito, pois el foi o protagonista da primeira entrevista que fixen, a modo de tarefa escolar, cando o que escribe tiña apenas 8 anos. Desde entón, obviamente, cambiaron moitas cousas, pero os bos valores seguen presentes.

 

- Dime unha pregunta que non sexa do teu gusto.

Que que opino dos límites do humor.

 

 

- Como te definirías?

Optimista, cacarelo, anfitrión e melancólico.

 

 

- De Pontevedra de sempre?

Non, de adopción que creo que ten máis mérito. O bonito é escoller un sitio sen ser teu. Teño amor verdadeiro por esta cidade.

 

- Como é a túa relación con Pontevedra?

De amor total. Sempre a recomendo. Deume moitas cousas. Aquí estudei o bacharelato e desde entón…

 

- Onde estás situado: xeración baby-boom, xeración X ou xeración millenial?

Creo que son fluído, navego entre todas, consciente ou inconscientemente.

 

- Cales dirías que son as características da túa xeración?

Creo que é egoísta. Pretendemos que o mundo vire arredor de nós. Acomodamos o mundo aos nosos desexos.

 

- A quen votaches nas túas primeiras eleccións?

Pois non lembro o partido exacto, pero a un de esquerdas seguro.

 

- Como cambiou o sector artístico desde que empezaches?

Cambiou moito e a peor. Por exemplo, antes había moitas máis salas nas que poder actuar. Agora só quedan teatros e espazos das administracións. Está a acomodarse.

 

- Que proxectos tes agora entre mans?

Pois estamos de xira con Go Home, unha obra de teatro moi especial, con toques de humor e que trata un tema de profunda actualidade como o turismo e que faremos o próximo día 25 en Vigo.

 

- Algún proxecto que aínda por inalcanzable que pareza gustaríache desenvolver?

Ser protagonista nalgunha película

 

- Algún xénero en particular?

Ningún, o malo desta profesión é que se elixes ti acabas facendo sempre o mesmo.

 

- Que reto pendente cres ti que ten Pontevedra?

Que a xente entenda que é parte do proxecto. Facer nos arredores o moito que fixeron no centro. Agora mesmo estou involucrado nun proxecto na Fracha que non vou deixar ata que o consiga, relativo a unhas pistas para practicar ciclismo na montaña.

 

- A clase política está á altura da sociedade?

É o fiel reflexo da sociedade e a sociedade é corrupta. Empezando por cruzar o paso de peóns cando o semáforo está en vermello. Todos coñecemos algún caso de corrupción.

 

- Que consello daríaslle ao teu "eu" dos 20 anos?

Compra Bitcoins.

 

- Un ano sen ir a misa ou un ano sen ir de festa?

Sen ir a misa.

 

- Que é a amizade?

O mellor. É a cousa máis barata e que máis enche. Sentir a amizade de alguén é a felicidade plena.

 

- Dime unha canción que che emocione.

Calquera de Xabier Díaz.

 

- Que hai despois da vida?

Abono.

 

- O último capricho que te deches?

Pois o gofre con nata que me estou tomando agora mesmo contigo.

 

- Cando dixeches por última vez "quérote"?

Xa hai tempo… mínimo hai un mes.

 

- E por último, a quen gustarías de ver nesta sección?

Ao meu amigo Roi Estévez.

 

Para David, Pontevedra sabe a croquetas, cheira a pedras, é de cor marrón e soa a paz. Definitivamente, David Amor sente Pontevedra.

 

O CUESTIONARIO

 

Nunca saio de casa sen… comprobar se pechei a porta con chave.

Na miña neveira sempre hai… auga con gas e queixo fresco.

No meu armario destaca… a desorde.

A idade é…. o paso do tempo.

Sempre fun o ollo dereito de… ninguén, ou iso espero. Debe ser moi incómodo.

Pontevedra ten alma de… funcionario.

Creo en… a xente

O ano que marcou a miña vida foi… 1996, cando me ficharon para a Selección Española de Balonmán.

O mellor agasallo que me poden facer é… tempo

O meu lugar no mundo é… molestar o menos posible.

Se non puidese vivir en Pontevedra viviría en… unha aldea remota.

O meu momento favorito do día é… cando me meto en cama.

Pontevedra… humanidade.