Seres indóMITOs: Carmen Iglesias

Pontevedra
15 de setembro 2024

Se algún día se lle ocorre participar nalgún concurso de televisión, asegúrese de ter aprendido de memoria o teléfono da nosa protagonista de hoxe, non só porque quizais traballase nese programa, senón tamén porque se a vostede lle fan algunha pregunta sobre física cuántica, sobre algún rei visigodo ou sobre o modelo macroeconómico IS-LM e necesitan usar o comodín da chamada, Carmen daralle sempre a resposta correcta

Carmen Iglesias
Carmen Iglesias

Se algún día se lle ocorre participar nalgún concurso de televisión, asegúrese de ter aprendido de memoria o teléfono da nosa protagonista de hoxe, non só porque quizais traballase nese programa, senón tamén porque se a vostede lle fan algunha pregunta sobre física cuántica, sobre algún rei visigodo ou sobre o modelo macroeconómico IS-LM e necesitan usar o comodín da chamada, Carmen daralle sempre a resposta correcta.

A nosa entrevistada non é (por falta de tempo, non de capacidade) experta en ningún deses temas, porén, si é unha das persoas con maior capacidade resolutiva que coñezo, impregnando a súa eficacia con grandes doses de eficiencia.

Da súa autoría son algúns dos lemas máis famosos que coñecemos, desde supermercados ata compañías telefónicas, poucas non levan a sinatura desta nova pontevedresa.

 

- Dime unha pregunta que non che guste que che fagan.

Creo que respondo a todo. Gústanme as preguntas incómodas porque é interesante e divertido respondelas.

- Como te definirías?

Como unha persoa chea de contradicións xa que estou en proceso de transformación constante e sempre aprendendo cousas novas.

- De Pontevedra de sempre?

Si, e para sempre.

- Como é a túa relación con Pontevedra?

Relaxante, estar aquí sempre me nutre, inspírame a facer cousas. Vivo en Madrid actualmente, que é unha cidade que sendo nova che dá moitas oportunidades, pero en Pontevedra vívese con máis calma e podes gozalo todo moito máis.

- Es xeración Z ou millenial?

Somos unha xeración intermedia, temos características de ambas. Non medramos con móbiles, pero tiñamos videoconsolas. Xogabamos na rúa, pero tamén ao solitario no ordenador.

- Cando decidiches comezar en publicidade?

Cando me dei conta de que abarcaba moitas das cousas que me gustaban. Fixen o bacharelato de ciencias, pero gustábame a historia, as belas artes, a cultura en xeral. A publicidade englóbao todo, un día tes que aprender sobre un produto que pode ser un rímel de maquillaxe, e ao día seguinte tes que aprender sobre iogures. Non te aburres.

- Cal foi o teu primeiro traballo no sector?

Pois como case todos os mozos comecei con traballos non remunerados levándolle as redes sociais a distintas empresas de Pontevedra. Unha vez rematada a carreira xa comecei de bolseira en Antena 3, levando as redes sociais dalgúns programas como La Voz ou Pasapalabra. Tamén en Hogarth, que é a parte de produción de Ogilvy e foi aí onde me dei conta do que me gustaba era ser Copy Creativa creando claims, slogans e conceptualizando ideas.

- E a longo prazo onde te ves?

En Madrid estiven traballando en varias empresas levando distintas marcas. En Pontevedra o mercado é moi pequeno, pero aspiro a formarme máis, adquirir máis experiencia e volver a Pontevedra para crear a miña propia axencia de publicidade. Pontevedra é o meu pasado e será o meu futuro.

- Coa creatividade nácese?

Todo o mundo é creativo. A maneira na que elaboras a lista da compra é unha forma simple de plasmala: desde o papel que usas, a forma de escribila, se horizontal ou vertical ou como tachas o que xa colleches.

- Que idiomas abren máis portas?

Cando me fun a Madrid deime conta de que o galego abría moitas máis portas do que eu pensaba, porque a publicidade se personaliza cada vez máis e as grandes firmas apostan por usar as linguas cooficiais.

- Está recoñecido este traballo?

As grandes empresas téñeno moi claro, o marketing é fundamental e dentro del, a publicidade é moi importante. Sabendo que se lle denomina "a arte do capitalismo" xa se di todo. Ademais, é unha profesión de constante formación. Non podes descansar.

- Un ano sen ir a misa ou un ano sen ir de festa?

Un ano sen ir a misa.

- Que é a amizade?

Respecto, confianza e saber estar nos momentos bos e nos malos. Moitas veces faise fincapé nos malos, pero tamén hai quen non sabe estar nos bos. Que se alegren por ti é moi bonito.

- Dime unha canción que te emocione.

'Soy un corazón tendido al sol' de Víctor Manuel.

- Que hai despois da vida?

Non podo responder porque aínda non estiven. Teño a esperanza de que non haxa nada, simplemente descanso.

O último capricho que te deras?

Ir comer a Vilatuxe (a miña aldea paterna), ao restaurante O Cruce.

- Cando dixeches por última vez "quérote"?

Onte, á miña avoa Carmen.

- E por último, a quen gustarías de ver nesta sección?

A Tere Abilleira.

 

Para Carmen Iglesias, Pontevedra sabe a castañas, cheira a flor de toxo, vese da cor granate e soa a gaivotas. Definitivamente, Carmen sente Pontevedra.

 

O CUESTIONARIO

 

− Nunca saio da casa sen… a batería do móbil por riba do 80%.

− Na miña neveira sempre hai… kéfir.

− No meu armario destaca… a cor rosa.

− A idade é… experiencia.

− Sempre fun o ollo dereito de… meus pais, ambos por igual.

− Pontevedra ten alma de… familia.

− Creo en… o que sinto.

− O ano que marcou a miña vida foi… un que aínda está por vir.

− O mellor agasallo que me poden facer é… tempo e experiencias.

− O meu lugar no mundo é… Baiona. −

- Se non puidese vivir en Pontevedra viviría en… Santiago de Compostela.

− O meu momento favorito do día é… cando te metes na cama e comezas a quedar durmida.

− Pontevedra… é o meu fogar.