Sentido único de baixada para a rúa Igrexa ao seu paso pola alameda de A Lama

A Lama
26 de maio 2021

Permitirá unha maior seguridade vial na zona ademais de habilitar ámbolos dous lados da estrada para estacionamento de vehículos

Rúa Igrexa
Rúa Igrexa / Concello da Lama

O Concello da Lama establece de sentido único e descendente a Rúa Igrexa ao seu paso pola Alameda para mellorar a seguridade vial e favorecer o acceso de viandantes aos servizos dotacionais existentes nas inmediacións.

Esta medida entrará en vigor a partir deste xoves 27 de maio e facilitará tamén que a Rúa Igrexa dispoña de aparcamentos habilitados nas dúas beiras da estrada favorecendo tamén o estacionamento e ampliando a vía de acceso ao centro da vila.

Así, a partir do xoves o tráfico procedente de Sucastro ou da Praza da Pedreira so poderá baixar por onde está o Bar Terraza cara á Casa Consistorial e o procedente da igrexa e do tanatorio terá que dirixirse, obrigatoriamente, por diante do Consistorio para seguir cara outras direccións da vila.

O alcalde Jorge Canda tomou esta decisión ante o aumento de vehículos na zona así como de viandantes que convertían este vial nun acceso con problemas de seguridade polo que a partir de agora este tramo da rúa Igrexa será de sentido único descendente.