Este 23 de febreiro fanse dous anos da invasión rusa de Ucraína. Este conflito bélico está a provocar un éxodo de cidadáns ucraínos a Europa, que se cifra en máis de 6 millóns.
Galicia nestes momentos acolle unhas 3.000 persoas procedentes do país eslavo, segundo apuntan Masha Pavlenko, da asociación de ámbito galego AGA-Ucraína, e Marta Skyba, da Asociación de Ucraínos de Galicia Xirasol, con sede en Vigo.
Ambas acompañaron a un nutrido número de concidadáns na reunión que mantiveron co subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada.
En solidariedade con este pobo, o edificio gobernamental loce dende este venres no balcón da súa fachada dúas bandeiras de Ucraína. Na escalinata principal, pousaba unha representación de ucraínos residentes na provincia de Pontevedra, ataviados na súa maioría con insignias bicolor, para inmortalizar o encontro e a triste efeméride, ao berro emocionado dos asistentes: 'Slava Ukrayini, Slava heroyam' (Gloria a Ucraína, Gloria aos heroes).
En nome dos residentes ucraínos en Galicia, Masha Pavlenko manifestaba o seu agradecemento ao subdelegado do Goberno pola reunión que mantiveron, e aos galegos polo apoio os refuxiados ucraínos que residen na Comunidade. "Pedimos que continúe este apoio porque a xente segue necesitando moita axuda, tanto aquí como en Ucraína", clamaba.
Neste sentido, Marta Skyba destacaba que "sempre a porta da Administración en Galicia e no Estado está aberta e tentan botar unha man para problemas dos nosos refuxiados". Lembraba que "por desgraza, a guerra segue e non vai parar nun próximo tempo máis próximo, por isto pedimos, por favor, non esquecer".
Pola súa banda, o subdelegado do Goberno en Pontevedra reiteraba o compromiso do Goberno de España cos refuxiados ucraínos e as asociacións e ONGs que os acollen.
Así mesmo, Abel Losada asumiu o compromiso de tentar solucionar o problema que lle manifestaron na reunión en canto ás demoras nas citas para a realización de trámites administrativos e que, de solventarse, facilitarían a integración dos cidadáns ucraínos acollidos na provincia de Pontevedra.