A Casa da Luz acollerá o domingo 24 de abril a iniciativa Sente Siria, unha acción social colaborativa que xorde coa fin de dar a coñecer a situación das persoas refuxiadas de Siria.
A acción consta de diversas actividades simultáneas cunha mesma esencia: sensibilizar dende as persoas para as persoas.
Os interesados en participar poden inscribirse chamando ao 610 60 20 12 ou directamente nesta ligazón.
Desde as doce da mañá haberá diferentes actividades entre as que destacan a proxección de pezas audiovisuais de realizadores que se atopan en contacto directo cos refuxiados, así como a lectura de "libros" que axudarán a entender mellor a situación deste colectivo.
Así, os asistentes coñecerán as actividades de humanlibrary.org, un movemento mundial para o cambio social no que as persoas son "libros" que axudan coa súa lectura a vencer os prexuízos e estereotipos a través do diálogo ou #ACoffeeForRefugees, que trata de recadar fondos a través dun café solidario.
A xornada completarase coa proxección da curta Lembranzas de Siria e avanzarase na organización do Hackaton Sente Siria, unha comunidade tecnolóxica que persegue axudar á crise dos refuxiados.