Señor avogado defensor, sempre cre na inocencia dos seus clientes?

Pontevedra
26 de maio 2015

Unha trintena de alumnos e profesores do instituto Luis Seoane de Monte Porreiro asistiron ao xuízo por un delito continuado de branqueo de capitais contra Rosa María Charlín, sobriña do patriarca do coñecido clan de narcotraficantes que leva o seu apelido, Manuel Charlín. Ao ser aprazado, deu paso a un debate entre os escolares e todos os actores xudiciais presentes na sala de vistas: letrado defensor, fiscal e maxistrados

Alumnos do IES Luis Seoane na sala de vistas da Sección Segunda da Audiencia de Pontevedra
Alumnos do IES Luis Seoane na sala de vistas da Sección Segunda da Audiencia de Pontevedra / Mónica Patxot

- A miña pregunta é para o señor avogado defensor. Sempre cre na defensa dos seus clientes?

- Eu o único que pido é que me conten a verdade.

A conversación (pero en castelán) mantivérona este martes os alumnos e profesores do instituto Luis Seoane de Monte Porreiro e o avogado defensor de Rosa María Charlín, sobriña do patriarca do coñecido clan de narcotraficantes que leva o seu apelido, Manuel Charlín. Todos coincidiron nunha sala de vistas da Audiencia Provincial de Pontevedra durante un xuízo que se prevía celebrar contra a súa clienta por un delito continuado de branqueo de capitais, pero que, ao ser aprazado, deu paso a un debate entre os escolares e todos os actores xudiciais presentes na sala de vistas: letrado defensor, fiscal e maxistrados.

O xuízo aprazouse sen data tras menos dunha hora de sesión na que as partes formularon cuestións previas dende o punto de vista procesual, difíciles de comprender para persoas non familiarizadas coa linguaxe xurídica, de modo que, ao seu termo, o presidente da Sección Segunda da Audiencia, Xosé Xoán Barreiro Prado, invitou os presentes a quedar na sala para poder aclarar conceptos.

As explicacións do fiscal e do avogado defensor permitíronlles entender que acababa de pasar na sala. O letrado de Rosa Charlín expuxo que contra o seu clienta se seguen dous procedementos en dous xulgados de Vilagarcía polo mesmo delito, branqueo continuado de capitais. Un deles é o que chegou á Audiencia e el entende que debería regresar a Vilagarcía para que alí se decida se ambos os dous deben refundirse nun só, pois se seguen contra a mesma persoa polos mesmos feitos. O fiscal discrepa desa consideración, pois entende que os procedemento teñen a mesma cualificación xurídica e a mesma protagonista, pero refírense a feitos diferentes, uns labores entre 1999 e 2008 e outros no período 1998-2003.

Ante as dúas exposicións contrapostas, o tribunal decidiu aprazar a vista para reclamar o xulgado que remita os escritos de acusación do outro procedemento e, unha vez que o teña, decidirá se segue xulgándoos por separado ou os devolve a Vilagarcía. Ademais, aceptou outra petición do avogado defensor na que coincidía a Fiscalía, que o xulgado instrutor remita como á sala os 20.000 folios do outro procedemento para achegalos como proba nesta causa.

Esta última proba foi unha das que espertou máis preguntas do público da Audiencia. "¿Si os mandan los 20.000 folios tenéis que leerlos?", quixo saber unha das profesoras, ao que a maxistrada que será relatora neste xuízo cando se celebre e haxa que ditar sentenza respondeu que si, se ben, por operatividade, confía en que o fiscal e o avogado xa lle fagan unha selección previa do que consideran importante para este caso.

O tribunal xa admitira esa proba como pertinente na fase de instrución, pero non está unida á causa por dificultades do xulgado, que carece dos medios humanos e materiais para trasladalo. Os 20 tomos non están dixitalizados, ao que unha das profesoras preguntou: "¿No hay manera de digitalizar esos datos?". As risas invadiron a todos os actores xudiciais. "Es mi héroa", ironizou unha maxistrada sobre a súa heroicidade. A sesión divulgativa desenvolveuse nun ambiente ameno e cargado de retranca.