Sendas de formigón e madeira para facilitar o acceso dos escolares de Campolongo

Pontevedra
24 de agosto 2021

Os traballos, cun prazo de execución previsto dunhas catro semanas, abranguen un treito duns 250 metros que discorre sobre o río dos Gafos, entre a rúa Xeneral Rubín e a zona de xardíns da Praza da Constitución e que leva valado desde o mes de marzo

Obras no Paseo de Valle-Inclán en Campolongo
Obras no Paseo de Valle-Inclán en Campolongo / PontevedraViva

A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural de Pontevedra está a desenvolver unha serie de obras que permitirán mellorar as condicións de tránsito e a accesibilidade aos centros educativos e a outros equipamentos públicos existentes no parque de Campolongo.

En concreto, vanse construír sendas de formigón e madeira no Paseo de Valle-Inclán, que se atopa valado desde o pasado mes de marzo ao detectarse danos que supoñían un risco de colapso da súa estrutura sobre o río Gafos.

Os traballos, que está a executar a empresa Garocaprim SL cun orzamento de 48.080 euros, abranguen un treito duns 250 metros que discorre sobre o río dos Gafos, entre a rúa Xeneral Rubín e a zona de xardíns da Praza da Constitución.

O valado perimetral de seguridade instalado polo Concello de Pontevedra provoca dificultades de tránsito e acceso, especialmente no que atinxe á EEI Concepción Crespo Rivas, xa que o alumnado ten que atravesar un espazo de céspede e terra para poder entrar no centro, e as condicións poderían empeorar coa chegada das choivas.

O edil de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, explica que "coa finalidade de garantir unha mobilidade segura e salubre, neste proxecto formúlase a creación dun camiño que dará un servizo accesible ao parque, así como ao conxunto de equipamentos públicos existentes nesta zona: CEP de Campolongo, EEI Crespo Rivas, escola infantil, piscinas, edificios administrativos e igrexa".

O pavimento deste itinerario realizarase esencialmente mediante formigón en cor ocre de dez centímetros de espesor, intercalando en medio da capa malla electrosoldada de 20x30x5 milímetros e reforzado con cuarzo e un acabado cepillado. Segundo avanza Iván Puentes, "estes camiños foron deseñados cunha vocación provisional, para atender as necesidades máis perentorias, que son as do acceso do alumnado, coa previsión de que poidan incorporarse ao proxecto definitivo para liberar e renaturalizar o río dos Gafos neste treito".

RESPECTO POLA CONTORNA NATURAL

Engade o concelleiro de Desenvolvemento Sostible que será "unha restauración paisaxística e ambiental que permitirá devolverlle a súa vitalidade orixinal a este espazo mediante a retirada da cuberta que atravesa o barrio de Campolongo e que se levará a cabo a través dun concurso público que agardamos sacar adiante no que queda de ano".

Nesta actuación aténdese ás necesidades da cidadanía e ao respecto pola contorna natural do espazo, que levou a facer cambios no proxecto inicial para respectar as árbores da zona. Segundo sinala o edil socialista, "coa finalidade de non afectar á estabilidade dun exemplar de chopo italiano de elevado porte e valor ornamental (polulus nigra ‘italica’), uns 15 de metros de senda consistirán nunha pequena plataforma de madeira construída sobre vigas e correas, sobre a que se ancorará tarima de madeira con parafusos galvanizados".

Así mesmo, será necesario incorporar un tramo de 10 metros de valado de madeira cara o lateral do colexio, onde resulta necesario por normativa debido á altura ata a canaleta de recollida de augas.

PRAZO DAS OBRAS

As obras teñen un prazo de execución previsto dunhas catro semanas.

Estes traballos incluirán a retirada de tocóns no trazado da senda por medios manuais e mecánicos; a retirada de cunetas de formigón; a roza e limpeza superficial do terreo por medios mecánicos até unha profundidade de dez centímetros; a apertura de ‘caixa’ por medios mecánicos e manuais até unha profundidade de 20 centímetros; a construción dun treito de pasarela peonil realizada en madeira de piñeiro vermello (tratada en autoclave para a intemperie); o encofrado e desencofrado perimetral; e a subministración de formigón H250 de cor ocre de 10 centímetros de espesor, intercalando en medio da capa malla electrosoldada de 20x30x5 milímetros, reforzado con cuarzo e un acabado cepillado.