As 90 prazas dispoñibles paras as seis últimas rutas do programa da Deputación de Pontevedra 'Bosques Terapéuticos' de 2023 esgotáronse en tan só unha hora.
Así o deu a coñecer este luns a Deputación Provincial, que sinalou que estas seis rutas previstas para o mes de agosto tiveron unha alta demanda, en especial, o percorrido pola Illa de Tambo, que esgotou as prazas ofertadas en cuestión de minutos.
Os últimos baños de bosque, unha experiencia que mestura natureza, exercicio, cultura, historia e saúde, terán lugar pola Ruta da Pedra e da Auga (5 de agosto), a Illa de Tambo (día 6), o Lago de Castiñeiras (día 12), a Carballeira de San Xusto (día 13), o Río Eifonso (día 19) e a Ponte Colgante do Lérez (20 de agosto).
Nestes seis espazos naturais desenvolverase esta actividade integral e participativa na que se prima o contacto co medio natural.
Os Bosques Terapéuticos están baseados na terapia oriental shinrin yoku (baño de bosque), que ten demostrado ser beneficiosa para a saúde. A través do contacto coa natureza, as rutas permiten ás persoas participantes relaxar a mente e reducir o nivel de tensión, sempre coa premisa da conservación da contorna medioambiental.