O Concello de Pontevedra foi escenario este martes dunha reunión da Xunta Local de Seguridade centrada no operativo deseñado con motivo do ITU Multisport Festival de tríatlon que acollerá a cidade en 2019.
Trátase dun evento "dunha transcendencia importante", sinalou Miguel Anxo Fernández Lores, que motivará un gran despregamento "en todos os sentidos" como a "seguridade cidadá ou dos circuítos".
A estimación é que Pontevedra reciba entre o 27 de abril e o 4 de maio preto de 10.000 persoas entre deportistas, técnicos, familiares e afeccionados, o que implica a "máxima colaboración por parte dos corpos e forzas de seguridade do Estado", tal e como comprometeu a subdelegada do Goberno, Maica Larriba.
Entre iso, unha das medidas adiantadas tras a reunión corresponde á Policía Nacional, cuxa comisaria provincial, Estíbaliz Palma, asegurou que se tomou a decisión de non conceder días de asuntos propios ou vacacións aos axentes durante esas datas, que inclúen a tradicional ponte de maio, "para tener la plantilla al 100%".
Ademais trasladarán a información recollida na reunión aos mandos do Ministerio do Interior por se consideran oportuno reforzar con máis efectivos os corpos policiais durante a celebración dos campionatos do mundo de tríatlon.
Á reunión celebrada no Concello acudiron entre outros o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores; a subdelegada do Goberno, Maica Larriba; a comisaria provincial, Estíbaliz Palma; o coronel xefe da Comandancia da Garda Civil, Jorge González; e o xefe da Policía Local de Pontevedra, Daniel Macenlle.