O incremento de caudal do río Gallo ao seu paso polo casco urbano de Cuntis, provocado polo temporal 'Kirk', causou inundacións no municipio.
O goberno local indica que as instalacións municipais permanecerán pechadas durante a tarde deste mércores 9 de outubro, ao non poder garantir as medidas de seguridade necesarias para o desenvolvemento normal das actividades.
O Servizo Municipal de Emerxencias e Protección Civil de Cuntis continúan traballando intensamente para atender as numerosas incidencias provocadas polas inclemencias do tempo
En todo caso, debido ao volume de chamadas e situacións de emerxencia, o servizo está "desbordado", segundo indica o Concello, e solicita paciencia á cidadanía, xa que irán atendendo as incidencias de forma gradual.
Durante varias horas diferentes puntos do municipio quedaron sen luz nin conexión a Internet e os operarios municipais, así como os integrantes do Servizo de Protección Civil, levan desde a madrugada retirando restos de árbores caídas en diferentes estradas e tamén sobre vehículos estacionados, causando importantes danos.
Nalgúns casos, segundo indica o goberno local, dadas a dimensións das árbores, foi preciso talalas para poder retiralas da calzada.
Tamén se localizaron numerosos puntos de risco en estradas por riadas e acumulación de auga, como no cruzamento da N-640 coa EP-8405.
O alcalde, Manuel Campos, que está a supervisar persoalmente as actuacións dos operarios e de Protección Civil, lamentou a decisión da Xunta de Galicia de manter as clases nos centros educativos e o transporte escolar cunhas condicións meteorolóxicas que "poñen en risco a calquera que se desprazase nas peores horas do temporal".
O Concello lembra, ademais, que mantén activo o Plan Especial ante Risco de Inundacións, debido á subida do caudal do río Gallo, que desbordou nalgúns puntos próximos ao casco urbano.
Xa desde o martes permanecen pechadas as rúas A Presiña e Sagasta, así como o tramo máis próximo ao Restaurante don Manuel na Circunvalación Don Aurelio.
Dende o Concello agradécese o traballo e a dedicación dos equipos de emerxencia e faise un chamamento á responsabilidade cidadá, con especial atención nas estradas onde se rexistraban retencións debido ás incidencias.
A primeiras horas da tarde deste mércores, segundo información municipal, todo o Concello permanecía sen luz e o núcleo urbano e a contorna continuaba sen servizo telefónico.
Recoméndase aínda evitar desprazamentos innecesarios ata que se normalice a situación e, en caso de emerxencia, lembran que se debe chamar ao 112.
Esta situación meteorolóxica adversa está a afectar a diversos municipios da zona, provocando inundacións, caídas de árbores e cortes de estradas.
O Concello de Cuntis tamén informou dunha averia localizada na saída da subestación de A Estrada que mantén a uns 2.000 veciños do municipio sen subministro de enerxia electrica e sen servizo telefonico.
A incidencia afecta o casco urbano e o rural do municipio, así como ao Polígono Industrial e o servizo de abastecemento de auga municipal.