O día 23 de xullo baixará a persiana a perfumería Douglas situada no número 20 de Benito Corbal. O establecemento, que no seu día foi Bodybell e cambiou de nome tras a absorción polo grupo de Douglas, sempre foi un dos locais de droguería de referencia na cidade. Con todo, finalmente sucumbiu á crise que sofre a cadea desde hai anos e é unha das 124 tendas que pecha en toda España.
Este peche chega tras meses de negociacións entre o comité de empresa e a compañía que terminou con despedimentos consensuados en toda España. Nun primeiro momento anunciouse o peche de 199 establecementos, aínda que finalmente son 124, que implicará o despedimento duns 900 empregados. O ano pasado xa pechara outras 80 tendas.
O acordo alcanzando entre Douglas e o comité implica, en toda España, que o persoal recibirá unha compensación equivalente a 32 días de salario por ano de servizo, con límite de 21 mensualidades.
En Pontevedra, o peche supón o despedimento das súas seis traballadoras, todas elas con moita antigüidade na empresa. Dúas delas levan, segundo puido saber PontevedraViva, 16 anos vinculadas a este negocio.
O peche leva aparellados desde o 31 de maio un anuncio na propia tenda e descontos que chegan ata o 70%. De todos os xeitos, tamén quedan en téndaa artigos sen desconto e outros con rebaixas máis baixas.
Nos primeiros días de descontos, os andeis da tenda quedaron moi baleiras, pero desde a tenda sinalan que seguen recibindo mercadoría. Trátase de artigos que chegan der outras tendas da compañía que xa botaron o peche.
Este anuncio non pasa desapercibido ao público que cada día enche a arteria comercial da cidade e que xa está afeito a movementos continuos nos locais desta zona.
De feito, a semana pasada, con só dous días de diferenza, anunciouse o peche de Douglas e abriu as súas portas case enfronte outro negocio, unha tenda da cadea de tendas de roupa interior Tezenis. Esta mesma marca tivo ata hai dous anos un local na zona alta desta mesma rúa, aínda que pechou sen que chegasen a coñecerse os motivos. Agora, ocupa o local que hai anos usara a cadea Dentix.
Xusto ao seu lado, desde esta semana anúnciase un peche que, de todos os xeitos, xa se coñecía. A tenda do grupo Inditex Stradivarius ten a persiana baixada e papel nos escaparates, un peche de tan só tres días mentres se realiza o traslado ao seu novo emprazamento, rúa arriba tamén, no baixo que deixou baleiro o supermercado Gadis.
O novo local leva semanas cun cartel no exterior anunciando a súa apertura o 9 de xuño, tras un proceso de reforma integral. Agora que quedará baleiro o anterior, ademais, poderá supoñer outro cambio dentro do grupo Inditex sobre o que hai rumores desde hai meses na cidade, aínda que ningún confirmado pola propia compañía.