Sen cobertura nin aparcadoiros

Pontevedra
07 de setembro 2014

A media tarde, co incremento de participantes na festa, a cobertura dos teléfonos móbiles empezou a baixar ata converter en misión imposible a transferencia de datos, o que complicou a suba de fotos ás redes sociais, o uso do whatsapp, ou mesmo realizar unha chamada

Vehículos aparcados nun 'leiraparking'
Vehículos aparcados nun 'leiraparking'

A viaxe no tempo que supón a Feira Medieval foi unha dura proba para a telefonía móbil e os automóbiles.

A media tarde, co incremento de participantes na festa, a cobertura dos teléfonos móbiles empezou a baixar ata converter en misión imposible a transferencia de datos, o que complicou a suba de fotos ás redes sociais, o uso do whatsapp, ou mesmo realizar unha chamada.

Outro efecto da masificación foi a falta de aparcadoiro. Os parkings de pagamento mostraron o cartel de completo e dende mediodía os estacionamentos disuasorios mostráronse desbordados. Turismos e furgonetas armaron un verdadeiro 'tetris' xuntando as súas carrocerías ata o límite do rascazo.

Ante o cheo do disuasorio de Mollabao a avenida de Marín estaba sementada de vehículos. Ao igual que na rúa Rafael Areses, onde a Policía Local tivo que facer a vista gorda coa fila de coches montados enriba das beirarrúas.

Na explanada do recinto feiral os vehículos conviviron cos mozos que participaron no botellódromo, provocando retencións cando os condutores pasaron a retirar os vehículos entre a xente.

LEIRAPARKING

Nin sequera o 'leirapárking' situado no terreo de Teucro, entre Arcebispo Malvar e a avenida do Uruguai, daba abasto con tanta demanda.

Arquivado en