Parece mentira, tras as choivas que nos acompañaron durante máis dun mes, pero o tempo daranos un respiro esta semana. As previsións de Meteogalicia para os próximos días auguran que as choivas non regresarán, polo menos, ata o domingo que vén.
Iso si, abandónannos as choivas pero acompañaranos o frío, xa que os termómetros experimentarán un notable descenso, tanto nas temperaturas máximas como nas mínimas.
Para este luns 20 de novembro, Pontevedra estará baixo a influencia das altas presións e teremos ceos despexados. Será unha tónica que se manterá toda a semana.
As temperaturas oscilarán entre os 10 e os 19 graos, un limiar que irá descendendo de maneira paulatina ao longo dos seguintes días.
Así, martes e mércores non superaremos os 16 graos, caendo as mínimas ata os 8 graos; mentres que, a medio prazo, xoves e venres, apenas haberá cambios.
De cara á próxima fin de semana, Meteogalicia prognostica máximas de 14 graos e mínimas de 8, que virán acompañadas dun incremento da nebulosidade, especialmente o domingo.