Sen avances no grupo de traballo para modificar o mapa de emerxencias

Pontevedra
29 de novembro 2017

A Xunta, a Fegamp e as catro deputacións galegas celebraron este mércores a segunda xuntanza do Grupo de Traballo de Emerxencias creado para analizar as necesidades de mellora dos servizos de emerxencias e contra incendios na comunidade autónoma

Pleno do Consorcio provincial de Bombeiros
Pleno do Consorcio provincial de Bombeiros

A Xunta, a Fegamp e as catro deputacións galegas celebraron este mércores a segunda xuntanza do Grupo de Traballo de Emerxencias creado para analizar as necesidades de mellora dos servizos de emerxencias e contra incendios na comunidade autónoma.

No encontro, a Deputación de Pontevedra elevou as súas propostas sobre o funcionamento interno do grupo onde demandaba o carácter deliberativo e de análise de propostas sen posibilidade executiva como se pretendía nun inicio. A Comisión Galega de Emerxencias é quen ten a competencia de poñer as propostas en marcha.

Para a próxima xuntanza do grupo de traballo chegouse o acordo de que cada parte poda traer as súas correspondentes propostas para a mellora dos servizos.

O deputado Carlos López Font manifestou o seu desexo de que a Xunta poña entón enriba da mesa a proposta "documentada e con informes técnicos da suposta comarcalización, porque ata o de agora so coñecemos a súa intención pero sen ningún tipo de dato nin análise técnicos que nos permita valorala. Ate este intre a comarcalización non é máis que unha palabra sen maior contido".

Pola súa banda o director xeral de Emerxencias, Luis Menor, reprochou ao goberno provincial de Pontevedra que recule na súa proposta de reformar o mapa de emerxencias e non fora quen de presentar a súa proposta nin de aceptar a da Xunta case dous anos despois de reclamar a xestión directa dos parques.

Luis Menor puxo enriba da mesa varias opcións para a comarcalización dos parques de bombeiros das cidades e para cubrir as zonas de sombra onde é necesario dispoñer máis medios, e incidiu na importancia de consolidar os Grupos de Emerxencia Supramunicipal (GES) cun financiamento ao 50% entre a Xunta de Galicia por un lado e as deputacións por outro.