Máis de dous meses despois dos rechamantes rexistros que volveron poñer de actualidade o caso da desaparición de Sonia Iglesias, a investigación segue sen avances notorios e con todas as miradas dos investigadores postas nunha data: o próximo 15 de maio. Ese día termínase o segredo das actuacións que afecta as dilixencias tecnolóxicas que se están realizando.
A causa pola desaparición de Sonia Iglesias en agosto de 2010 permanecía arquivada provisionalmente desde abril de 2015 e reabriuse a mediados do ano 2017. A pesar de que levaban meses de indagacións xudiciais e policiais, está decretado o segredo das actuacións, de modo que esta reapertura non se deu a coñecer ata o pasado 20 de febreiro, cando decenas de axentes da Policía Nacional realizaron un rechamante rexistro nunha vivenda e unha leira propiedade da familia da ex parella de Sonia Iglesias, Julio Araújo, na rúa San Mauro.
Ao día seguinte, ese rexistro repetiuse na propiedade e realizouse outro nun vehículo propiedade de quen no ano 2010 era parella do irmán de Julio, David Araújo, que leva tempo inutilizado nun taller de Vilalonga (Sanxenxo). Ademais, ese mesmo día, o mércores 21 de febreiro, dábase un paso que parecía clave na causa, Julio e David Araújo foron citados na Comisaría da Policía Nacional en calidade de investigados na causa.
Tras unha semana frenética de prática de probas e declaracións, chegou a calma, o momento de analizar todo o solicitado, tanto nos laboratorios da Comisaría de Pontevedra como nas instalacións da Policía Científica en Madrid. Máis de dous meses despois, fontes xudiciais indicaron que algunhas desas probas xa se analizaron e chegaron os resultados, pero non achegaron nada de relevancia á causa.
A titular do Xulgado de Instrución número 3 de Pontevedra acordou a reapertura da causa tras recibir unha contundente información xudicial e, sempre en coordinación coa Fiscalía e o fiscal xefe, Juan Carlos Aladro, autorizou eses rexistros coñecidos e outras dilixencias cuxos detalles non transcenderon. Fontes do caso si indicaron que algunhas desas probas teñen caracter tecnolóxico e son, precisamente, as que chegan a unha data crave este mes de maio.
Fontes coñecedoras do caso explicaron que esas medidas acordáronse, como marca a lei, por un prazo de tres meses como duración máxima inicial da intervención, aínda que "é susceptible de ampliación e prórroga, previa petición razoada por períodos sucesivos de igual duración, ata un máximo temporal de dezaoito meses, sempre que subsistan as causas que motivaron aquela".
Ese primeiro prazo de tres meses da medida esgótase, de modo que haberá que acordar un prórroga ou a dilixencia finalizará.