Sempre imos aos mesmos sitios en Semana Santa?

Pontevedra
24 de marzo 2016

Canarias e o Algarve portugués seguen sendo os destinos máis solicitados nestas datas. Outra das apostas seguras son as grandes capitais como París, Roma, Londres ou Berlín

Axencia Viaxes Rascado
Axencia Viaxes Rascado / Mónica Patxot

Chegan os festivos de Semana Santa e numerosos cidadáns buscan saír durante uns días da rutina laboral e pegarse unha escapada de vacacións. As familias son as que máis seguen confiando nas axencias de viaxes para reservar as súas vacacións, as parellas fano en menor medida e os viaxeiros solitarios optan polas páxinas da internet para a procura de lecer.

Os destinos son moi similares aos doutros anos. En Europa as capitais son o principal atractivo, París, Berlín, Roma ou Londres seguen estando entre as preferencias dos viaxeiros. Na península o Algarve e Madrid son os destinos máis pedidos. E, como todos os anos, Canarias segue sendo unha aposta polas súas altas temperaturas nesta época do ano. Segundo explicaba un representante da axencia 365 Días, Disneyland París ou a Warner Bros en Madrid seduce ás familias pola súa maxia para os máis pequenos.

"Non notamos un aumento nas reservas con respecto ao ano pasado", explica unha empregada da axencia de viaxes Rascado, "con respecto a 2015 as reservas seguen sendo as mesmas e os destinos similares, sen grandes cambios. As familias aproveitan as vacacións dos máis pequenos para viaxar toda a semana".

"Canto máis prolongada sexa a estancia con maior antelación fanse as reservas", engadían desde Viaxes Rascado. As empresas comentan que Canarias é un destino que adoita planificarse con tempo, mentres que na península adoitan facerse con poucos días de antelación.

En xeral, as estancias seguen sendo as mesmas, Canarias, o Algarve e as capitais Europeas reúnen case o 90% das reservas nesta época do ano.