Ao mediodía deste 6 de marzo, nun acto protagonizado por integrantes do Consello da Muller Nova do IES Sánchez Cantón, tres alumnas deste centro educativo alzaron as súas voces na Casa do Concello de Pontevedra coa lectura do manifesto do 8M, que enxalzou a loita feminista.
O evento contou coa presenza de representantes dos tres grupos políticos da corporación municipal, liderados polo alcalde Miguel Anxo Fernández Lores. Como símbolo deste compromiso, o lema "+Feminismo" foi instalado no balcón da Casa Consistorial.
O manifesto comezou cunha clara e poderosa declaración baseada no dicionario da Real Academia Galega: "Feminismo: substantivo masculino. Doutrina que defende a igualdade de dereitos entre o home e a muller. Que é o que non se entende?" Estas palabras abriron un discurso cheo de agradecemento polos avances acadados na loita pola igualdade, froito do esforzo de múltiples xeracións, segundo explicaron as alumnas.
Os datos positivos subliñados no texto evidencian un progreso constante: o 44% das bancadas do Congreso foron ocupadas por mulleres nas últimas eleccións xerais de 2023, máis de 600.000 mulleres traballan no sector sanitario en España, e son tamén mulleres as que destacan nos mellores expedientes académicos. Non obstante, recordaron que aínda queda un longo camiño, tanto a nivel local como global, para erradicar as desigualdades que persisten.
As estudantes resaltaron o perigo de influencias nocivas nas redes sociais que afectan principalmente á mocidade, instando á reflexión crítica fronte ás opinións alleas. Ademais, reivindicaron o papel esencial dos homes responsables que apoian a igualdade real na sociedade e chamaron á colaboración colectiva para construír un futuro mellor.
"Sempre hai algún cavernícola que quedou atrás. Por iso, é necesario estar alerta ao contido das redes, e traballar para que as persoas volvan ter voz propia e non estean a copiar o que di a xente famosa", apuntaron.
Nun xogo de similitudes futbolísticas, unha das alumnas comparou o feminismo cunha "defensa sólida" fronte a un machismo que actúa como un atacante en fóra de xogo. Subliñaron que, malia o marcador aínda reflectir vantaxe para o machismo, "queda moito partido por xogar", e animaron a formar unha barreira colectiva que impida goles en contra da igualdade.

Lembraron que a palabra "feminazi" é unha falta de respeito para todas as persoas que traballan para mellorar o futuro para as "fillas de todas".
O acto concluíu cunha mensaxe clara de agradecemento a todas as persoas que día a día contribúen á loita feminista, recoñecendo que aínda que o camiño cara a un futuro igualitario é longo, cada esforzo achega máis a sociedade cara esa meta.
"Grazas pola loita constante, polos esforzos, polo cambio e pola colaboración", afirmaron as alumnas, dando voz a un movemento que segue máis vivo que nunca: "Aínda estamos lonxe de crear un mundo utópico para o feminismo, pero grazas ás moitas persoas que colaborades co voso esforzo, estamos moito máis cerca de conseguilo".

PRÓXIMOS ACTOS
Están previstas outras citas con motivo do Día Internacional da Muller ao longo das vindeiras semanas:
Mércores 12 de marzo, ás 11.30 horas, no Teatro Principal. Acto de entrega dos VIII Premios Ernestina Otero Sestelo.
Estes galardóns recoñecen aqueles proxectos educativos de ensino non universitario
(Infantil, Primaria, Secundaria e postobrigatorias) relevantes en canto á incorporación da visión feminista, con boas prácticas no marco da igualdade. Coa actuación de Trémola Teatro
Venres 14 de marzo e sábado 15 de marzo, a partir das 12.00 horas, no Teatro Principal. VIII Encontro As mulleres que opinan son perigosas.
Mércores 2 de abril, ás 20.00 horas, no Teatro Principal. 'Invisibles' de Redrum Teatro, espectáculo baseado no libro de Montse Fajardo.
