Sementada unha tonelada de centeo nos montes queimados de Ponte Caldelas

Ponte Caldelas
18 de novembro 2017

O Concello de Ponte Caldelas volveu tirar da súa bolsa de voluntariado para organizar unha nova actividade de tratamento dos montes queimados na vaga de lumes do pasado 15 de outubro

Sementeira de centeo nos montes queimados de Ponte Caldelas
Sementeira de centeo nos montes queimados de Ponte Caldelas /

O Concello de Ponte Caldelas volveu tirar da súa bolsa de voluntariado para organizar unha nova actividade de tratamento dos montes queimados na vaga de lumes do pasado 15 de outubro. Nunha intensa mañá sementou unha tonelada de centeo polos montes do municipio e completou a operación de "mulching" (acolchado con palla do terreo) nas proximidades dos mananciais e en zonas moi escarpadas e próximas a regatos.

Os espazos tratados sitúanse fundamentalmente en Parada, onde se cubriu unha extensa zona nas beiras do río Verdugo con forte pendente, así como Regodobargo, tamén nunha pendente moi pronunciada cara ao regato dos Muíños, e na Insua, nas proximidades do manancial da traída veciñal. En Chaín actuouse nunha área moi extensa ao redor do pobo gracias á mobilización coordinada pola súa comunidade.

A palla esparexida este sábado na zona de Regodobargo corresponde ao sobrante das dúas xornadas de mulching promovidas polo Concello durante as últimas semanas. As 30 toneladas están xa repartidas polas áreas máis sensibles.

110 TONELADAS DE FORRAXE

O chamado do Concello de Ponte Caldelas para recibir doazóns de forraxe co que substituír o que se perdeu durante os incendios do pasado 15 de outubro permitirá xa cubrir a totalidade da demanda existente no municipio. Ao reparto de 63 toneladas realizado hai dúas semanas súmanse outras 110 toneladas que se repartiron durante a tarde do sábado.

O goberno local tripartito convocou persoalmente aos preto de 40 gandeiros locais para que se presenten para a recollida do forraxe que lles corresponde, en función do número de cabezas de gando de cada quen e de se xa recibiron no anterior reparto.

O forraxe solidario provén da asociación de gandeiros de Lugo (Agromuralla), que envía 56 toneladas; a cooperativa leiteira Prolega, de Ferrol, con outras 25 toneladas e un grupo de gandeiros particulares do concello da Pastoriza (Lugo), con otras 25 toneladas. A última hora sumouse a Asociación Barbancesa de Axuda e Solidariedade (ABAS), con sede na Pobra do Caramiñal, con outras tres toneladas, aproximadamente.