Correos presentou este martes 8 no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra un selo conmemorativo que rende homenaxe aos cen anos de historia da Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra, unha institución fundada por figuras destacadas da cultura galega como Antón Losada Diéguez e Alfonso Rodríguez Castelao.
O novo selo, que ten un valor de 2 euros, plasma o emblema da Coral sobre a imaxe dun coro durante unha actuación.
A presentación tivo lugar no marco da exposición 'Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra 1925-2025, cen anos de música coral en Galicia', que acolle o Edificio Castelao.
Desde o seu debut o 9 de abril de 1925, esta agrupación musical especializouse na interpretación de música medieval, polifonía dos séculos XVI e XVII e música popular galega, acumulando máis de 700 concertos na súa traxectoria centenaria.
O seu labor foi recoñecida con galardóns como a Primeira Medalla de Prata da Cidade de Pontevedra e o Premio Cidade de Pontevedra no ano 2000.
Ao acto de presentación e posterior mataselado de honra asistiron a directora de Filatelia e Relacións Institucionais de Correos, Nuria Lera; o vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Domínguez; a directora do Museo, Ángeles Tilve; e o presidente da Coral, José Carlos Valle.
As persoas interesadas poden adquirir o selo nas oficinas de Correos, a través de Correos Market ou contactando co Servizo Filatélico no correo electrónico atcliente.filatelia@correos.com ou chamando ao teléfono 915 197 197.
A emisión filatélica, que se realizou mediante o procedemento de impresión Offset sobre papel estucado, engomado e fosforescente, ten un tamaño de 28,8 x 40,9 milímetros e preséntase en pregos de 25 unidades.