Seixo retomará as protestas polos recortes no centro de saúde cunha cadea humana

Marín
11 de outubro 2021

A Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde de Seixo retomará as mobilizacións contra os recortes na atención sanitaria nesta parroquia de Marín. Será o próximo domingo 17 de outubro cunha cadea humana por todo o núcleo urbano

Asemblea veciñal en Seixo
Asemblea veciñal en Seixo / Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde de Seixo

A Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde de Seixo retomará as mobilizacións contra os recortes na atención sanitaria nesta parroquia de Marín. Será o próximo domingo 17 de outubro cunha cadea humana por todo o núcleo urbano

Esta decisión adoptouse nas asembleas veciñais celebradas nos últimos días en Seixo e Ardán, ante a "grave situación" do consultorio case tres meses despois desde que a Xunta "nos deixara cun só facultativo para 2.200 persoas", sinalan desde a plataforma.

A cadea humana iniciarase ás 12:30 horas. Haberá un punto de encontro diante do centro de saúde, para distribuírse dende alí á rúa Camiño Vello e á rúa Grupo Escolar.

Dende a plataforma convidan á participación a familias enteiras e persoas de todas as idades, "pois é unha actividade diferente e novidosa" e, tamén, a toda a veciñanza de Marín "xa que a sanidade no noso concello está moi deteriorada".

Con esta nova mobilización queren reivindicar un segundo facultativo para Seixo, a cobertura da enfermeira que remata o contrato o 1 de novembro, así como novos servizos "aos que temos dereito por volume de poboación", como pediatría.

"Buscan aburrirnos, cansar á xente, pero nas asembleas detectamos todo o contrario, porque a asistencia aumentou e o ánimo é bo para seguir", asegura este colectivo, que editou camisetas e bolsas de tea, dispoñibles nas tendas da zona, para visibilizar esta loita veciñal.

Ademais desta acción de protesta, dende a plataforma van seguir coas reclamacións escritas ou coa distribución de carteis e xa manifestaron o seu apoio á manifestación do 14 de novembro en Santiago de Compostela, á que acudirán todas as plataformas galegas.