Seis roturas nun só día no abastecemento de auga entre Seixo, Aguete e Loira

Marín
28 de xullo 2023

O servizo municipal de Augas arranxou 4 avarías e espera resolver na maior brevidade posible as dúas restantes. Aínda están por esclarecerse as causas ao cen por cen, pero, de momento, os servizos técnicos consideran que a orixe de todo foi unha "sobrepresión" por unha rotura inicial

Actuación para reparar unha avaría de auga
Actuación para reparar unha avaría de auga / Concello de Marín

Día accidentado para o abastecemento de auga no Concello de Marín. Nas últimas horas detectáronse 6 roturas no abastecemento entre Seixo, Aguete e Loira.

O Concello sinala que o servizo municipal de Augas arranxou 4 destas avarías e espera resolver "na maior brevidade posible" as dúas que están pendentes.

Segundo a información facilitada polo Concello de Marín,  aínda están por esclarecerse as causas ao cen por cen, pero, de momento, os servizos técnicos consideran que a orixe de todo foi unha primeira avaría inicial.

As cinco seguintes foron debidas a unha "sobrepresión" que se ocasionou por esa rotura inicial, que despois provocou o resto.