Seis empresas rivalizan para facerse coa reforma do viario perimetral de Barcelos

Pontevedra
01 de agosto 2022

Seis empresas presentaron propostas no proceso de licitación da reforma integral dos servizos soterrados, a renovación da iluminación, a plantación de novas árbores e na recolocación do transformador eléctrico desta praza de Barcelos

Falta de accesos peonís á Praza de Barcelos desde Benito Corbal
Falta de accesos peonís á Praza de Barcelos desde Benito Corbal

A mesa de contratación do Concello de Pontevedra abriu xa as ofertas económicas para a execución do proxecto de reforma dos viais perimetrais da Praza de Barcelos. Presentáronse seis empresas: Casas, Xestión Ambiental de Contratas, Covsa, Prace, Elsamex e Oresa. 

Cun orzamento de 2,7 millóns de euros a executar en dúas anualidades, o plan inclúe a reforma integral de todos os servizos soterrados como o saneamento, o abastecemento ou a rega; así como a renovación da iluminación e de parte do arboledo.

Como mellora, o proxecto recolle a recolocación do transformador do centro educativo da praza, que abandonará as dependencias escolares e pasará a estar soterrado mellorando así a seguridade da comunidade educativa. 

Aínda que aínda non existe data para o inicio dos traballos, dependerá do tempo que se alongue o proceso de adxudicación, a idea da concellería de Obras Urbanas que dirixe Demetrio Gómez é que as obras comecen ao longo deste ano. Ademais, os traballos servirán para crear uns 35 empregos.