Seis empresas optan a executar a humanización da contorna do miradoiro da Peixeira

Sanxenxo
28 de febreiro 2024

O proxecto saíu a licitación por 990.537 euros e un prazo de execución de cinco meses

Proxecto de reforma do miradoiro da Peixeira en Portonovo
Proxecto de reforma do miradoiro da Peixeira en Portonovo / Concello de Sanxenxo

O Concello de Sanxenxo informou que un total de seis empresas optan a executar a humanización da contorna do miradoiro da Peixeira. Trátase de Citania Obras y Servicios, Civis Global, Misturas, Construcciones Castro Figueiro, Construcciones E.C. Casas, e COVSA Construcciones Obras y Viales. 

O proxecto saíu a licitación por 990.537 euros e un prazo de execución de cinco meses. 

Desde o goberno local destacan que "esta actuación supoñerá un cambio significativo no espazo", que abarca unha superficie total de 3.100 metros cadrados. A Deputación achegará o 80% do custo total, mentres que o Concello de Sanxenxo asumirá o 20% restante.

Recuperar a fachada marítima do miradoiro portonovés da Peixeira e humanizar a conexión co campo de San Roque son dous dos obxectivos da actuación. A intención é que a praza e a fronte marítima "reconecten coa súa orixe". 

O proxecto contempla unha serie de plataformas, enlazadas mediante ramplas accesibles e escaleiras, que conectarán de forma directa a Praza de San Roque e a Avenida de Pontevedra. Tanto as vivendas como a parte alta do núcleo antigo de Portonovo veranse beneficiadas por unha accesibilidade universal e inclusiva.

O protagonismo do espazo será para o peón, polo que o tráfico rodado quedará relegado a un segundo plano mediante estratexias de acougado de tráfico, colocando badenes na entrada e saída da zona. No vial da Avenida de Pontevedra, o único con acceso rodado, limítase o paso do vehículo a un carril dunha soa dirección.

Dentro dos obxectivos do proxecto atópase a eliminación, na medida do posible, das barreiras arquitectónicas, visuais e ambientais, polo que se opta por desmantelar parte do gran muro de contención actual co fin de renaturalizar e descontaminar a fronte costeira e, en consecuencia, de mellorar paisajísticamente e funcionalmente a conexión do núcleo co mar.

Para iso, ademais de demoler o muro e tratar de recuperar o territorio e paisaxe previo, incluiranse especies arbóreas autóctonas (piñeiro atlántico) e reutilizaranse os materiais de demolición para distintos elementos do mobiliario. 

En canto á iluminación actual substitúese por outro cunha proxección máis baixa, máis contida, totalmente integrada nos muros e varandas de bloque de formigón.