Seis empresas compiten polo contrato para a reforma integral da Rúa da Santiña

Pontevedra
25 de outubro 2023

Ata seis compañías presentaron as súas ofertas para adxudicarse o contrato para a reforma integral da Rúa da Santiña, na que o Concello de Pontevedra investirá 2,16 millóns de euros que, no seu maior parte, serán financiados con fondos europeos

Rúa da Santiña, Pontevedra
Rúa da Santiña, Pontevedra / Cristina Saiz

Ata seis compañías presentaron as súas ofertas para adxudicarse o contrato para a reforma integral da Rúa da Santiña, na que o Concello de Pontevedra investirá 2,16 millóns de euros que, no seu maior parte, serán financiados con fondos europeos.

A mesa de contratación municipal revisou as propostas que rexistraron as empresas Civis Global, EC Casas, COVSA, Moncosa, Oreco e Prace, segundo explicou o edil responsable de contratación, Raimundo González.

Os respectivos plans de traballo serán agora analizados polos técnicos municipais, que deberán emitir un informe antes de que a mesa propoña un gañador. O Concello espera que este trámite non se alongue máis dun par de semanas.

A reforma da Rúa da Santiña busca mellorar a calidade de vida dos veciños da rúa, ademais de continuar coa reforma do Camiño Portugués ao seu paso por Pontevedra.

A intervención está pensada en dous tramos. O primeiro, entre o cruzamento coa avenida da Coruña e a rúa Valentín Paz Andrade, terá un carácter máis urbano debido á presenza de bloques de vivendas; e o segundo, cun carácter máis rural, ata o cruzamento coa Rúa da Gándara.

A nova Santiña terá un pavimento en formigón continuado en toda a rúa para unificar a intervención. Dispoñerá de arboledo para facer máis brando percorrido. Terá mobiliario urbano como bancos, cadeiras e conservará a fonte existente. A iluminación será a través de báculos e farois suxeitas en fachadas. 

Un dos traballos principais da obra será a substitución de todos os servizos soterrados da rúa: abastecemento, saneamento, servizo eléctrico, gas e telecomunicacións.