O cruzamento entre a avenida de Cambados e a rúa Fontecarmoa contará cunha rotonda e experimentará unha mellora das beirarrúas da zona. Para acometer este traballo, segundo informa o goberno de Vilagarcía, seis empresas presentáronse ao procedemento de licitación aberto no Concello.
Esta intervención busca, segundo o goberno local, axilizar a circulación rodada e mellorar a seguridade viaria, despois de que se acometeu a reordenación do tráfico no barrio do Piñeiriño e da peonalización da rúa Camilo José Cela.
A obra licitarase por 190.213 euros e o prazo de execución dos traballos será de tres meses. Segundo o estudo contratado á consultora Iceacsa a construción dunha glorieta neste espazo era a mellor opción para achegar fluidez á circulación na avenida de Cambados e Doutor Tourón.
O proxecto contempla unha glorieta rebasable, en forma de rampla elevada lixeiramente sobre o nivel da calzada, que permita manobrar no caso da circulación de vehículos de grandes dimensións como autobuses.
Eliminaranse os tres grupos de semáforos actuais situados entre o final de Doutor Tourón e a intersección co barrio do Piñeiriño. Os pasos de peóns serán elevados como medida de seguridade e para acougar o tráfico. Ademais dos existentes entre O Piñeiriño e a glorieta, tamén se habilitará un novo paso de peóns nas inmediacións da rúa Xunqueira.
Tamén se mellorarán as beirarrúas situadas entre O Piñeiriño e o cruzamento con Xunqueira, ampliando o espazo para peóns. Realizaranse en formigón continuo que facilite a accesibilidade universal. Ademais, está prevista a instalación de bancos e dalgunhas especies arbóreas. Por outra banda, mellorarase o espazo actual entre a avenida de Cambados e Vista Alegre e a travesía de Pablo Picaso. Os vehículos poderán continuar aparcando na parte interior lindeira coa leira de Montiño.
Os cambios previstos supoñerán a prohibición dos xiros cara á esquerda dos vehículos atravesando o carril contrario. Para realizar un cambio de dirección será necesario avanzar uns metros ata a rotonda de Pablo Picasso ou á nova glorieta. Cambiarase de sentido a rúa Manuel Antonio, pasando a ser de saída cara a Doutor Tourón, e tamén en Vista Alegre, que será de entrada desde a glorieta.