Seis décadas de devoción pola Semana Santa: "en Nadal monto o nacemento e agora os pasos procesionais"

Pontevedra
07 de marzo 2024

O pontevedrés Paco Luis López confésase apaixonado da Semana Santa dende que aos 7 anos procesionó por primeira vez. Na actualidade, mantén viva a súa devoción montando unha recompilación das imaxes a pequena escala que protagonizan os pasos procesionais de Pontevedra

A Semana Santa en minitura de Paco Luis López
A Semana Santa en minitura de Paco Luis López / Mónica Patxot

Paco Luis López Sánchez (Pontevedra, 1956) confésase apaixonado da Semana Santa desde hai 61 anos: "aos 7 anos procesioné por primeira vez". 

Foi cando casualmente o seu tío Moncho, que era secretario da Confraría do Espírito Santo (coñecida como Confraría do Instituto) e da Confraría do Silencio, "foinos involucrando e foinos metendo no sarao", a Paco e aos seus tres irmáns varóns (en total eran 9 irmáns, catro mozos e cinco mozas).

"Eu estiven de directivo na Confraría do Silencio, ademais de en todos os postos en que podía estar, e despois pola enfermidade dunha persoa, levaba todos os venres o paso das Angustias empuxando", relata. Uns desacordos coa forma en que se xestionou a incorporación das mulleres á confraría, leváronlle a tomar a decisión de "deixar de saír".

"Entón colleume Javier Mayán, o da Cruz a Cuestas, e dime: 'Paco, necesito un veedor'. E ese ano saín con eles coa carraca". Conta que como veedor encargábase da coordinación do paso, cando parar e renovar a marcha, vixiar que todos os farois se mantivesen acesos ou organizar o paso por rúas estreitas. Posteriormente, cambiou o labor de confrade pola de operador de cámara. "Son un apaixonado das cámaras, no ano 95 empecei a gravar as procesións de Pontevedra". Todo elo compaxinado coa súa profesión de delineante.

Damos un salto no tempo e chegamos ao presente, no que Paco Luis se empeñou nun proxecto que sorprende. "En Nadal monto o nacemento e en Semana Santa os pasos procesionais". Quere que, igual que en moitos fogares se montan beléns, por que non abrir este costume aos pasos, co seu trono, as súas imaxes e confrades.

Comenta que foi hai catro anos, durante a viaxe de noivos a Andalucía, que no escaparate dunha cerería se atoparon coa figuriña dun confrade e "é aí onde me empezo a animar a comprar". Tal é a emoción que lle suscita este achado que en cada viaxe a parada en tendas de imaxinería ou cererías é obrigada. Tamén fai algunha adquisición por catálogo, sempre a almacéns nacionais.  

De Mallorca trouxo a imaxe de máis valor da súa colección: a representación da Última Cea, que lle custou 300 euros. En total, calcula que investiu uns 3.000 euros nas máis de cen figuras que foi reunindo.

Ademais de recompilar os coloridos confrades representativos de diferentes lugares de España, a súa idea é montar todos os pasos procesionais da Semana Santa pontevedresa. De momento, conta coas imaxes emblemáticas do Cristo das Caídas, o Xesús Nazareno, María Santísima da Esperanza, paso da Cea, Xesús Cativo, Xesús atado á columna, o Ecce Homo, Cristo coa Cruz ao lombo, Cristo da Expiación, Virxe da Soedade, A Nosa Señora do Amor Fermoso, a Verónica e A Nosa Señora das Angustias.

Para completar esta montaxe, na súa casa da Lama vai elaborando pezas artesás, actividade que trasladou aos máis pequenos. "Quero involucrar os nenos para que a súa vivencia da Semana Santa non sexa só o momento de vestirlles o hábito e ir á procesión". Cada venres, na parroquia de Santiaguiño do Burgo ensina a un grupo de 20 nenos a modelar as pezas en barro de terracota. 

"Este ano vou tentar estrear a banda de cornetas e tambores da Confraría do Espírito Santo"

"Este ano vou tentar estrear a banda de cornetas e tambores da Confraría do Espírito Santo feita polos críos e por min", indica. Deste labor fixéronse eco en Viveiro, un dos lugares de Galicia de referencia en canto a procesións. Paco Luis confirma a colaboración co Centro Ocupacional Aspanane para imprimir o esmaltado final ás figuras que modelan e decoran no Burgo.

Quere reproducir todas as confrarías da Semana Santa de Pontevedra. "Xa teño feitos en terracota os confrades que levan o Nazareno na procesión do martes e a cruz guía. O meu reto é facer o trono co palio". A pesar de que nunca elaborou unha estrutura tan pequena, experiencia en construcións móbiles ten. Na charla con este medio descóbrenos que durante varios anos foi o responsable de confeccionar a carroza do Rei Urco no Entroido. O seu soño é poder montar pequenas maquetas tipo diorama con cada paso e expoñelas, por iso manifesta que está aberto a calquera persoa que queira colaborar co seu proxecto.

Paco Luis remata este encontro cunha reflexión final na que admite que completar a colección de figuras compradas coas de elaboración propia "veu a colación de que me diagnosticaron Parkinson". Por iso, "estou a exercitar as mans e a mente, e así tamén quedan estas figuras para a posteridade".

Arquivado en