Seis construtoras optan á execución das obras de integración paisaxística da fábrica de ENCE

Pontevedra
29 de decembro 2016

A firma que execute o contrato terá que construír máis 11.000 metros cadrados de novas fachadas e a reurbanización de máis de 25.000 metros cadrados para a reordenación de espazos

Fábrica de Ence en Lourizán
Fábrica de Ence en Lourizán / Mónica Patxot

O Grupo Ence anuncia que en 2017 comezarán as obras de integración arquitectónica e paisaxística da súa fábrica en Lourizán.

Para seleccionar á empresa que se encargará dos traballos de construción, Ence convocou un concurso entre seis empresas, das que tres teñen a súa sede na comarca de Pontevedra e unha cuarta noutro punto da provincia.

A firma que execute o contrato terá que construír máis 11.000 metros cadrados de novas fachadas e a reurbanización de máis de 25.000 metros cadrados para a reordenación de espazos. 

O proxecto, denominado "Materia Propia" resultou seleccionado de entre as 102 propostas que participaron o concurso arquitectónico convocado por Ence a finais de 2013. A súa autoría corresponde ao despacho de arquitectos Orts&Trullenque.

Segundo informann desde a compañía pasteira, nos últimos meses viñéronse apurando os traballos de preparación do proxecto de execución, a partir do que os construtores desenvolverán a obra. Un despacho de arquitectos de Pontevedra, varias empresas de enxeñería e outros servizos, e persoal técnico do departamento de Enxeñería de Proxectos de Ence Pontevedra colaboraron co despacho de Orts&Trullenque nestes traballos. 

Ence veu avanzando desde o pasado verán na execución da primeira parte do proxecto cos traballos de arborización do perímetro da fábrica. Ata o momento, plantáronse preto dun milleiro de novas árbores no perímetro da fábrica. 

Nos últimos días, e unha vez terminado o proxecto de execución, Ence púxose en contacto con firmas construtoras que foran pre-seleccionadas pola empresa.

Arquivado en