Seis anos pendentes de Costas en Ponte Sampaio: a falta de permisos impide mesmo mellorar o parque infantil

Pontevedra
03 de xullo 2022

"Queriamos facer algo, pero temos desde hai 6 anos solicitada desafección a Costas e seguimos esperando", lembra Raimundo González sobre a necesaria actuación nos terreos do antigo campo de fútbol. Hai un ano pediron permiso para substituír elementos do parque infantil e seguen á espera

Terreos do antigo campo de fútbol de Ponte Sampaio
Terreos do antigo campo de fútbol de Ponte Sampaio / Mónica Patxot

Máis de seis anos pasaron xa desde que o Concello de Pontevedra iniciou os trámites para solicitar a Costas do Estado a desafección de máis de 20.000 metros cadrados situados en terreos de dominio marítimo-terrestre da parroquia de Ponte Sampaio. En todo o tempo transcorrido desde abril de 2016, non só a situación administrativa segue sen cambios, senón que, ademais afecta ao día a día da parroquia ata o punto que impide mesmo modificar un parque infantil que require unha renovación. 

O concelleiro da parroquia, Raimundo González, explicou esta semana, con motivo dunha visita á praia fluvial de Ponte Sampaio, que "non moven un papel" desde entón e o Concello segue sen ter a súa resposta á petición de desafectación.

Esta falta de respostas é aínda máis importante agora que a zona sufriu un importante cambio coa demolición do antigo palco da música e do antigo campo de fútbol, e a construción dun novo terreo deportivo.

Así, os terreos do antigo campo de fútbol, situados nesa zona sobre a que piden a desafectación, están agora baleiros e neles xéranse charcos continuos. Os veciños solicitaron ao Concello unha mellora, pero Raimundo González explica que teñen as mans atadas pola falta de respueta de Costas.  

"Queriamos facer algo, pero temos desde hai 6 anos solicitada desafección a Costas e seguimos esperando", lembra. E engade que, dado que os terreos non son municipais, non poden actuar. 

De feito, segundo Raimundo González, tamén solicitaron hai un ano permiso para substituír elementos do parque infantil da Xunqueira e están "esperando a Costas". Hai elementos de xogo rotos e en mal estado que xeran críticas dos usuarios desta zona infantil, que é moi utilizada por estar a moi poucos metros do colexio e ao pé da praia fluvial.

En abril de 2016 o goberno municipal pediu que deixasen de estar afectados pola protección costeira os terreos do agora derrubado campo de fútbol, o campo da festa, a nave para usos náuticos e a antiga praza de abastos.

A eles sumarase a zona verde desde a ponte medieval ata o campo da festa, na que está o parque infantil.

Costas si autorizou hai anos a desafectación dos terreos que ocupa o colexio público da parroquia.