Seis anos de cárcere para un camioneiro interceptado en Meis con 30 quilos de heroína

O Salnés
18 de marzo 2025

O camioneiro, que foi detido en outubro de 2023 cando estaba estacionado nunha gasolineira cun camión tráiler con matrícula eslovena, levaba a droga oculta nun habitáculo do vehículo

Audiencia Provincial de Pontevedra
Audiencia Provincial de Pontevedra / Mónica Patxot

Seis anos de prisión é a condena que confirmou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) para un camioneiro de nacionalidade croata que foi sorprendido en Meis cun trinta quilos de heroína no seu vehículo.

O fallo, que avala a pena imposta no seu día pola Audiencia de Pontevedra como autor dun delito contra a saúde pública en cantidade de notoria importancia, condénao ademais a pagar unha multa dun millón de euros, que é o valor da droga requisada.

Os maxistrados consideran probado que o camioneiro, que foi detido en outubro de 2023 cando estaba estacionado na área de descanso dunha gasolineira cun camión tráiler con matrícula eslovena, levaba a droga oculta nun habitáculo do vehículo.

Este compartimento na parte anterior-inferior da gabarra estaba, segundo consta na resolución, "deseñado a tal fin" e protexido para non ser detectado polos escáneres.

O alto tribunal galego desestimou o recurso presentado por unha empresa que aducía ser "prexudicada" e tamén a pretensión do condenado, que solicitaban que se revogara o comiso da cabeza tractora e do semirremolque.

A compañía, segundo explican os xuíces na sentenza, presentou uns documentos "pretendidamente acreditativo" da súa propiedade sobre a cabeza tractora e sobre o semirremolque enganchado a ela no momento da detención do acusado.

A iso engaden que se trata de senllos contratos de arrendamento e que, aínda que a empresa nega calquera vínculo co acusado, quen sería, segundo a súa tese, contratado pola empresa arrendataria, a sala non dá crédito a eses documentos.

A sentenza non é firme e pode ser recorrida ante o Tribunal Supremo.