Segundo día de colapso en Urxencias de Montecelo

Pontevedra
03 de xaneiro 2017

Fontes oficiais da área de xestión sanitaria indican que a maior parte dos pacientes están afectados de diversas infeccións respiratorias motivadas polo inicio da gripe e confirman que, ante a situación que empezou a vivirse este luns, xa se levaron a cabo os reaxustes necesarios para reforzar o servizo   

Sala de espera do servizo de Urxencias do Hospital Montecelo este 3 de xaneiro
Sala de espera do servizo de Urxencias do Hospital Montecelo este 3 de xaneiro / PontevedraViva

O servizo de Urxencias do Hospital Montecelo vive este martes a súa segunda xornada coas salas de espera cheas e padiolas nos corredores. Os cidadáns que acoden ás instalacións enfrontan horas de espera ata que son atendidos por un especialista e para que se lle realicen probas diagnósticas. O servizo está literalmente colapsado con pacientes que presentan maiormente cadros de gripe e infeccións respiratorias.

O panorama descríbeno os pacientes e familiares e tamén os propios profesionais da sanidade e desde a área de xestión integrada de Ponteveda e O Salnés recoñecen un pico de actividade asistencial que tivo o seu momento de maior trasfega na tarde do luns debido a "unha maior afluencia de pacientes do habitual".

Traballadores e sindicatos recoñecen a situación de colapso e atribúena, ademais da a falta de medios humanos para atender aos pacientes, a que tamén están "desbordados" os centros de atención primaria, de modo que, como os cidadáns non reciben a atención adecuada neses servizos, ven abocados a acudir a Urxencias, incrementando aínda máis o pico asistencial. 

Fontes oficiais da área de xestión sanitaria indican que a maior parte dos pacientes están afectados de diversas infeccións respiratorias motivadas polo inicio da gripe e confirman que, ante a situación que empezou a vivirse este luns, xa se levaron a cabo os reaxustes necesarios para reforzar o servizo de Urxencias e a triaxe. 

Respecto diso, estas mesmas fontes informaron de que a xerencia e a dirección asistencial do hospital mantiveron unha reunión cos responsables de enfermería e todos os servizos implicados, desde urxencias a admisión, pneumoloxía e medicina interna. Nese encontro acordouse como aplicar o plan de continxencia que xa fora elaborado e revisado antes da tempada de gripe, o pasado mes de outubro. 

Os responsables acordaron aplicar medidas de reforzo do servizo en función dos picos de actividade que se vaian producindo ao longo das próximas horas e días.  Ademais, seguirán repetindo estas reunións, que levan días realizándose para facer un seguimento diario da evolución da afluencia no servizo.  

Outra das medidas adoptadas a maiores do reforzo é que os trámites dos procesos de alta "están a axilizarse todo o posible" para que os pacientes de Urxencias teñan prioridade de atención. 

Mentres se está actuando en Urxencias de Montecelo, Carmen Revenga, da xunta de persoal do CHOP, apunta que a atención Primaria é "un caos" con centros de saúde que habitualmente teñen tres médicos e estes días contan cun só entre permisos e enfermidade. Isto motiva que non poidan atender a todos os pacientes en condicións e derívenos a outros servizos como os PAC ou o hospital. 

Ademais, matiza á xerencia con que "non é repunte de gripe", senón que a situación é consecuencia da "ineptitude" dos xestores, que "no saben gestionar bien las cosas" en materia de persoal.