En menos dunha semana, Leborei volve converterse en escenario de incidencias no tráfico debido á circulación de camións de gran tamaño pola vía que une a N-550 e a PO-531, conectando a estrada a Santiago coa de Vilagarcía.
Se hai seis días, un camión quedaba atrapado nesta estrada secundaria, na tarde deste martes 24 a escena volvía repetirse cun vehículo de transporte dunha empresa da Rioxa.
Ao tentar acceder pola vía quedaba atrapado sen posibilidade de continuidade e, ao longo de varios minutos, o condutor víase obrigado a manobrar lentamente para retroceder evitando causar danos en muros e vivendas da veciñanza deste lugar da parroquia pontevedresa de Cerponzóns.
A directiva da Asociación O Chedeiro reitera a súa petición de que se adopten solucións para evitar estes problemas continuos que afectan os residentes.
Demandan das administracións que instalen sinalizacións e que se establezan medidas para acougar o tráfico permanente ou outras alternativas ante a proliferación do paso de vehículos por esta vía estreita tentando atallar para cambiar de estrada.