O podcast de PontevedraViva Radio 'Cos 5 sentidos' comeza en breve a súa segunda tempada. Unha proposta sonora divulgativa do patrimonio cultural da ría de Pontevedra, con atención aos municipios de Pontevedra, Poio e Marín.
A primeira tempada, - dispoñible na sección Radio desta web -, deixou tres episodios dedicados a percorrer as prazas históricas de Pontevedra, outros tres debullaron o patrimonio histórico, cultural e turístico do Mosteiro de Poio, e os dous últimos recrearon o vínculo de 'Marín, Diego Arias e o polbo', para concluír a serie con 'Marín e o enterro da sardiña'.
A segunda tempada, cuxo primeiro capítulo estará dispoñible a partir do próximo domingo 20 de abril, redescubrirá uns cantos nomes de mulleres e homes que se vinculan á historia destes concellos. Nalgúns casos o seu legado transcendeu notablemente desta xeografía galega.
Homes e mulleres que viviron este pasado século XX ou que levan a retrotraerse até o século XVI. Orixes múltiples, actividades e profesións moi diferentes e proxección histórica dispar.
No primeiro dos episodios o protagonismo levarao unha muller cuxa biografía está envolvida en interrogantes. Comezando polas súas orixes, pasando polos seus logros e terminando pola súa morte. A historiadora Mercedes Camiño Maroto dixo dela: "ignorada como posible protagonista dunha produción cinematográfica, tamén foi difamada, estereotipada e censurada".
Estes podcast son unha publicación divulgativa financiada polo Plan Social Ence.