Ao igual que propón a corporación local de Campo Lameiro, o BNG de Cerdedo-Cotobade tamén quere declarar persoa 'non grata' ao presidente de Abanca, Juan Carlos Escotet pola decisión "unilateral e arbitraria da entidade bancaria" de pechar a sucursal de Carballedo.
O voceiro do Bloque, Ernesto Filgueira afirmou que na súa formación "estamos moi preocupados pola situación de deserto bancario no que queda a nosa capital municipal, Carballedo. Un golpe á calidade de vida da nosa veciñanza e ao rural asestado polo señor Escotet en connivencia co PP que non dubida en apoiar o peche subvencionando o mantemento de caixeiros con diñeiro público".
No vindeiro pleno municipal o BNG reclamará o voto a favor do PP e do PSOE para declarar ao presidente de Abanca, persoa 'non grata' en Cerdedo-Cotobade. Ademáis, a moción solicita o acordo da corporación para retirar de xeito inmediato as contas municipais de Abanca e rexeitar instalar caixeiros automáticos financiados coa liña de axudas públicas aberta pola Xunta.
PORTAS
A Corporación Municipal do Concello de Portas convoca unánimemente unha concentración de protesta para este venres 10 de setembro ás 20:30 horas contra a decisión da Dirección de Abanca de pechar a única oficina bancaria existente no municipio.
Os concelleiros enviaron unha carta á veciñanza informándolle dos pasos que están a dar en contra desta actuación da entidade crediticia e facendo un chamamento á participación nesta mobilización veciñal.
Pola súa banda, o ex alcalde de Portas, Roberto Vázquez encadenouse este mércores á porta da sucursal como protesta polo peche. Así estará ata a mobilización cidadá do venres.