Seguen baixando os pacientes hospitalizados por coronavirus na área sanitaria: 41 menos nunha semana

Pontevedra
08 de abril 2020
Actualizado: 16:29

Segundo a información facilitada este martes polo xerente da área sanitaria, José Ramón Gómez Fernández, o número total de positivos na área sanitaria é este mércores 475, dos que 75 están hospitalizados e 400 en domicilios. O 1 de abril había 116 ingresados

José Ramón Gómez, xerente da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés
José Ramón Gómez, xerente da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés / Mónica Patxot

O número de pacientes hospitalizados na área sanitaria de Pontevedra e o Salnés por coronavirus volveu descender no último día e este mércores 8 de abril hai un total de 75. A cifra supón, ademais, un significativo descenso con respecto a hai unha semana, pois rexístranse 41 ingresados menos que hai sete días. 

Segundo a información facilitada este martes polo xerente da área sanitaria, José Ramón Gómez Fernández, o número total de positivos na área sanitaria é este mércores 475, dos que 75 están hospitalizados e 400 en domicilios.

O número máximo de pacientes hospitalizados na área sanitaria acadouse o pasado día 1 de abril. Ese día eran 116.

Desde aquel pico, a situación "foise estabilizando" e "progresivamente foi diminuíndo" ata que este 8 de abril ás 8 da mañá o número pacientes ingresados ascendía a un total de 75 en toda a área sanitaria. En concreto, non hai pacientes con positivo en Covid-19 no Hospital Provincial, de maneira que eses 75 están repartidos entre Montecelo, QuirónSalud Miguel Domínguez e o Hospital do Salnés.

O xerente tamén deu a coñecer que, segundo a última actualización de datos, este mércores 8 hai 60 pacientes ingresados en planta e 15 en UCI. O resto de positivos por coronavirus están a recibir seguimento nos domicilios, un total de 400. 

Desde o inicio do plan de continxencia do  COVID-19 xa faleceron nesta área sanitaria 10 pacientes e a área sanitaria de Pontevedra-O Salnés prescribiu 81 altas hospitalarias, 15 na última xornada

Segundo a última actualización de datos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, o número de casos de coronavirus en Galicia ascende a 5.460, deles 1.138 son da área da Coruña, 566 da de Lugo, 1.001 da de Ourense, 460 da de Pontevedra, 1.066 da área de Vigo, 911 da de Santiago, e 318 da de Ferrol. 

En relación cos datos de Pontevedra, desde a área sanitaria matizan que non coinciden cos achegados polo xerente porque el computou as cifras actualizadas ás oito da mañá e os da Xunta de Galicia son anteriores. Isto é, os 475 achegados por José Ramón Gómez están máis actualizados. Dita diferenza de cifras prodúcese polo cómputo nacional que efectúa o Ministerio de Sanidade para efectuar a súa información diaria, corte que cada xornada efectúase horas antes.

A nivel galego, do total de pacientes positivos, 158 permanecen en UCI, 835 están en unidades de hospitalización e 4.467 no domicilio. Polo de agora, en Galicia rexistráronse 800 altas de pacientes e 278 falecementos.

A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

O Sergas ten ao dispor da cidadanía unha páxina web (https://coronavirus.sergas.es), na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos