Ata o próximo 8 de xaneiro, o Servizo Galego de Saúde (SERGAS), ofrece a posibilidade de realizar de maneira gratuíta e sen cita probas diagnósticas a través de PCR no punto habilitado no aparcamento lateral exterior do Hospital Provincial de Pontevedra.
A gran afluencia de persoas a este punto compróbase na longa cola que rodea o Hospital ata avanzar pola rúa Cobián Areal.
Para acudir non é necesario solicitar cita previa. O horario habilitado é de 10 a 14 horas e de 15.30 a 20 horas, ao sumarse este luns por primeira vez a quenda de mañá.
Moitas das persoas que acoden a facerse a proba queren unha garantía fronte ás reunións familiares de Noiteboa e Nadal. Con todo este test PCR, o máis efectivo, conleva uns tempos de realización que non ofrece un resultado rápido, polo que ao final, en moitos casos, algunhas persoas desisten e acaban recorrendo a probas de antíxenos con frotis nasal co perigo que teñen os falsos negativos.
TEST DE ANTÍXENOS PARA NENOS
Ademais, desde o pasado venres 17 de decembro, as familias galegas dispoñen de test de antíxenos gratuítos para cribar aos nenos de idades comprendidas entre os 5 e os 11 anos.
Son test de antíxenos, probas de saliva, e os resultados obtéñense en poucos minutos. Para facerse cun deles os pais deben acudir a unha farmacia coa tarxeta sanitaria. Despois comodamente pódese efectuar a proba en casa sen necesidade de levar a mostra de novo á farmacia.
En caso de dar positivo os pais deben chamar ao número de teléfono 881 540045 para avisar ao Sergas que citará ao neno para facer unha PCR de contraste nos covid auto que hai despregados por toda Galicia.
As persoas que dean positivo terán que facer corentena e aos 10 días realízaselles unha PCR, en caso de ser negativa reciben o alta.