A sede da Seguridade Social estará en obras seis meses, pero seguirá funcionando

Pontevedra
04 de abril 2025

O subdelegado visita as oficinas, nas que se van substituír completamente os falsos teitos e renovar o sistema de extinción de incendios. A oficina atende 200.000 persoas da área de Pontevedra

Visita de Abel Losada á sede da Seguridade Social
Visita de Abel Losada á sede da Seguridade Social / Subdelegación do Goberno en Pontevedra

A sede pontevedresa da Tesourería da Seguridade Social (TGSS) na rúa Arcebispo Malvar estará en obras durante seis meses. 

Trátase dunhas de obras de mellora para a renovación integral dos falsos teitos e a instalación dun novo sistema de extinción de incendios e non afectará ao seu funcionamento.

Estímase que poderían estar rematadas entre finais deste ano e comezos do próximo.

As actuacións, valoradas en 213.347 euros, están en proceso de licitación.

O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, visitou este venres a sede acompañado polo director provincial da TGSS, Juan Herrera. Ademais de falar co persoal, anunciou a realización destas obras.

A oficina da avenida de Arcebispo Malvar, de 2.300 metros cadrados, atende a un área de 200.000 persoas que comprenden os municipios de Pontevedra, A Lama, Cambados, Cerdedo-Cotobade, Marín, Meaño, Meis, O Grove, Poio, Ponte Caldelas, Ribadumia e Sanxenxo e ten 30 traballadores.

Dentro da organización interna da Seguridade Social, parte do seu persoal recibe tamén carga de traballo procedente doutras provincias, fundamentalmente Madrid e Barcelona.

Ao longo do ano atende unhas 10.000 persoas en formato presencial e unhas 3.000 telefonicamente.

Tamén realiza máis de 15.000 trámites online CASIA (soporte integral da TGSS) e preto de 3.000 trámites solicitados a través da aplicación da Seguridade Social IMPORTASS.

Por volume de traballo, trátase da segunda sede en importancia da provincia, por detrás da sede da dirección provincial en Vigo.