Seaga acomete a limpeza nas marxes da PO-531 en Vilanova, Meis, Barro e Pontevedra

Pontevedra
01 de novembro 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da empresa pública Seaga, renovou o pasado mes de xuño o contrato de acondicionamento nas franxas de dominio público de vías da Xunta para previr lumes e reforzar a seguridade viaria

Seaga acomete a limpeza nas marxes da PO-531
Seaga acomete a limpeza nas marxes da PO-531 / Xunta de Galicia

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da empresa pública Seaga, renovou o pasado mes de xuño o contrato de acondicionamento nas franxas de dominio público de vías da Xunta para previr lumes e reforzar a seguridade viaria. No marco destas intervencións seguirán as actuacións de roza e limpeza estrada PO-531 en Vilanova de Arousa, Meis, Barro e Pontevedra.

Estas actuacións contribúen á prevención dos lumes, ao eliminar especies pirófilas como o piñeiro, o eucalipto ou a acacia nas marxes das vías de titularidade da Xunta. Dáse así cumprimento á Lei 3/2007, de 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, que recolle o obxectivo da rotura da continuidade horizontal e vertical da biomasa, de modo que as estradas actúen con efecto "cortalumes".

O control da vexetación tamén supón a mellora da seguridade viaria. Os traballos proxectados eliminarán árbores que poderían caer á estrada en caso de temporal e evitarán que invadan as beiravías ou beirarrúas, facilitando o tránsito de peóns e ciclistas. Ademais, serve para aumentar a visibilidade dos usuarios e consegue o efecto de afastar da estrada animais como os xabarís.

Con estes traballos tamén se dá cumprimento ao acordo do Pleno do Parlamento de Galicia do 25 de setembro de 2019, polo que se insta ás administracións públicas a impulsar unha redución progresiva do uso de herbicidas nas marxes das estradas.

O departamento que dirixe Ethel Vázquez intensificou nos últimos anos as accións de prevención de lumes nas marxes das estradas da súa competencia, engadindo aos medios de conservación ordinaria un reforzo con encomendas á empresa pública Seaga.

Este ano, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade renovou a encomenda á empresa pública Seaga para a realización de tarefas de control da biomasa nas marxes das estradas autonómicas das catro provincias, de cara á prevención de lumes e o reforzo da seguridade viaria, cun investimento de preto de 1,5 millóns de euros.