O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, subliñou que o Goberno de España xa garante, a día de hoxe, a conexión á Internet de alta velocidade en todas as zonas rurais grazas ao programa UNICO Demanda Rural, que universaliza o acceso á banda ancha no cento por cento do territorio a través de tecnoloxía satelital alá onde non chega a fibra óptica.
Así llo trasladou este mércores a preto de 40 alcaldes, concelleiros e técnicos municipais da provincia, no marco dunha xornada informativa que tivo lugar no salón de actos da sede da Axencia Tributaria de Pontevedra e que contou coa presenza do xerente de Proxectos Singulares de Hispasat, Miguel Ángel García Argüelles.
"Se ves o ceo, tes Internet", explicou Miguel Ángel García Argüelles, ao tempo que incidiu en que a banda ancha por satélite permite dar cobertura ao 100% de España, levando a conexión ás zonas máis remotas en igualdade de condicións.
Así, Hispasat ofrece unha conexión satelital con 200 Mbps en sentido de baixada a un prezo con tarifa única de 35 euros, ata o 31 de decembro de 2027 e sen permanencia, baixo o programa denominado "Conéctate 35". Ademais, recalcou que ata decembro de 2025 o Goberno subvenciona o 100% dos gastos de instalación da antena, cableado e router, cun tope de 600 euros.
"Estamos xa en condicións de dicir que o 88,42% da poboación da provincia de Pontevedra xa dispón de fibra óptica e o resto, dado que vai quedando o máis difícil e o que xa non é viable economicamente para as empresas, terá acceso satelital da máxima calidade", dixo Abel Losada.