Se quedaches na lista de agarda para visitar Santa Clara, non perdas esta viaxe virtual

Pontevedra
19 de xullo 2020

O concelleiro de Patrimonio Histórico, Xaquín Moreda, anuncia que se repetirán as visitas pero que, dada a situación actual e a propia dispoñibilidade da empresa contratada para esta actividade, haberá que agardar ata o ano 2021 para ter a oportunidade de coñecer por dentro un convento que permanece pechado ao público dende setembro de 2017

Visita guiada ao Convento de Santa Clara
Visita guiada ao Convento de Santa Clara / Mónica Patxot

O Concello de Pontevedra convidaba aos cidadáns a visitar o Convento de Santa Clara, dentro das xornadas de patrimonio invisible. Tal foi o interese, que en apenas un minuto xa se cubriran todas as prazas. Malia habilitar unha segunda quenda de visitas, 400 persoas quedaron na lista de agarda, que pechou á media hora de abrirse a inscrición ante a imposibilidade de atender a unha demanda tan alta.

O concelleiro de Patrimonio Histórico, Xaquín Moreda, anuncia que se repetirán as visitas pero que, dada a situación actual e a propia dispoñibilidade da empresa contratada para esta actividade, Xestión Cultural Trivium, haberá que agardar ata o ano 2021 para ter a oportunidade de coñecer por dentro un convento que permanece pechado ao público dende o 25 de setembro de 2017.

Pontevedra Viva puido participar na visita ao Convento de Santa Clara e gozar con algunhas curiosidades que o guía, Leo González, foi desvelando.

Comezamos o percorrido na zona de portería, das poucas que, mentres o convento estivo habitado, eran públicas. Alí atopamos o famoso torno, onde se lle entregaba ás monxas unha ducia de ovos para que rezasen a Santa Clara para ter un día solleiro nunha data escollida. É salientable o tamaño reducido da ventá do torno, de xeito que non puidese entrar ou saír unha persoa.

Tras rodear a zona de clausura, á que non é posible acceder, chegamos ao claustro, que ten a particularidade de posuír só dous lados, a diferencia doutros que están pechados a modo de patio con catro lados. Atopámonos no centro do convento, onde tradicionalmente facíase a vida, ao ter acceso dende todo o edificio. No centro, unha fonte coa figura de Santa Clara, caracterizada por portar un bastón de oliveira e un hostiario. A estrutura é similar á fonte da Ferrería, polo que se calcula que data do século XVI.

Camiño da horta, pasamos polo cemiterio, no que nos pregaron que non tomásemos ningún tipo de imaxe e que paga a pena contemplar pola sinxeleza das tumbas, sen nomes inscritos, e chantadas no chan, ás que se accede por unha porta adornada cunha cruz en forma de espírito santo.

A horta e xardín é un verxel onde abundan as árbores froiteiras, como a maceira, cuxos froitos eran usados tradicionalmente polas monxas clarisas para facer doce de mazás, abeleiras, claudias e mesmo castiñeiros. No centro do xardín atopamos a pequena capela dos Anxos.

Arrodeando esta ampla parcela de 12.000 metros cadrados, o maxestuoso muro que separa o recinto do exterior, neste caso a rúa Perfecto Feijoo e a Praza de Barcelos. Dáse a particularidade de que, por mor das diferentes obras de reforma e traballos de asfaltado, cara ao interior o muro alcanza os 8 metros de altura, mentres que dende o exterior elévase ata só 6 metros.

Xunto ao muro, discorre un emparrado onde tradicionalmente pendían as vides cuxa uva transformábase nun lagar que aínda se conserva, xa sen uso, no interior do convento.

Seguimos adentrándonos no mosteiro noutra das zonas que conecta a vida monacal co exterior: os locutorios. Trátase de amplas ventás con dobre enrreixado, o que dá mostra da distancia que debían observar as monxas coas súas familias de orixe. Antigamente, a maiores desa dobre reixa, cada ventá tiña unha cortina negra, polo que o contacto co exterior era tan só coa voz, como era propio nos conventos de clausura.

Outra particularidade que atopamos nun dos corredores é unha pequena porta selada branca que, como nos relatou o guía, daba acceso a un arquivo onde se gardaban documentacións de moito valor, como os títulos de propiedade. Por este motivo, a porta tiña tres chaves, reservadas á madre superiora, á abadesa vicaria e ao mordomo.

A última parada nesta apaixonante visita é á igrexa, inicialmente cunha decoración austera, propia das ordes mendicantes, e posteriormente, coa chegada do Barroco, máis engalanada. E de novo, zonas nas que as monxas se atopaban illadas do resto dos fregueses, entre as estancias do coro alto e o coro baixo, separados do resto da igrexa por unhas reixas e un van, por onde recibían a comuñón.