Máis de medio milleiro de persoase e máis de 150 vehículos responderon este sábado á protesta promovida polos veciños de Forzáns en Ponte Caldelas contra a proposta de crear un encoro no río Oitavén en Forzáns e de facer un transvasamento desde o río Verdugo para o abastecemento de Vigo e a súa zona de influencia.
A mobilización iniciouse ás 11.30 horas. Vehículos de veciños de Forzáns, Gaxate, Caritel, Berducido e Vilán déronse cita nas inmediacións do centro sociocultural de Forzáns e percorreron o traxecto ata Ponte Caldelas accionando as bucinas.
Os convocantes explicaron que o seu obxectivo era "amosarlle á xente o enorme muro de formigón de 333 metros que suporá a construción do encoro en Forzáns" no medio dun espazo natural cheo de carballeiras, especies autóctonas, flora e fauna endémica que desaparecía por completo de prosperar esta proposta”.
Cos vehículos estacionados, déronse cita co resto das persoas participantes. Foi na ponte vella de Ponte Caldelas, orixe dunha manifestación espontánea polo centro da vila para rematar coa lectura dun comunicado a cargo da presidenta da asociación de veciños de Forzáns, Pilar Fernández Álvarez.
Fernández agradeceu a presenza dos concentrados a pesar da choiva e o mal tempo e leu un comunicado no que asegurou ás persoas presentes que "se non puideron con nós as tropas de Napoleón hai 200 anos, tampouco o vai facer un encoro". Con estas palabras facía referencia ás Alarmas de Forzáns que no ano 1809 participaron na Guerra da Independencia en Ponte Caldelas.
Os veciños berraron consignas como "Caballero escoita, o Oitavén está en loita"; "río si, encoro non" e "o río é para coidalo e non para escarallalo".