"Se non hai quen lles compre é máis fácil evitar que vaian furtivos a pescar"

Marín
19 de xaneiro 2018

Para combater o furtivismo nas rías galegas necesítase un férreo control por parte das autoridades e a colaboración dos cidadáns. "Se non hai quen compre é máis fácil evitar que se vaia a pescar", asegurou a conselleira do Mar, Rosa Quintana, que pediu que os consumidores rexeiten a compra de marisco e peixe de orixe ilegal

Visita de Alfonso Rueda e Rosa Quintana ao buque Sebastián de Ocampo
Visita de Alfonso Rueda e Rosa Quintana ao buque Sebastián de Ocampo / Xunta de Galicia

Para combater o furtivismo nas rías galegas necesítase un férreo control por parte das autoridades e a colaboración dos cidadáns. "Se non hai quen compre é máis fácil evitar que se vaia a pescar", asegurou a conselleira do Mar, Rosa Quintana, que pediu que os consumidores rexeiten a compra de marisco e peixe de orixe ilegal.

Durante a visita ao buque Sebastián de Ocampo, que o servizo de Gardacostas de Galicia destinou esta semana á ría de Pontevedra e que está atracado no porto de Marín, Quintana e o vicepresidente galego, Alfonso Rueda, puxeron en valor o esforzo da administración para combater esta práctica "ilegal e perigosa".

Así, explicaron que só no último ano a Policía Autonómica e os gardacostas galegos lograron evitar que máis de 175.000 quilos de peixe e marisco de orixe furtiva chegue ao mercado. Ademais, incautáronse 24.100 aparellos de pesca empregados nestas extraccións irregulares, útiles que acabaron sendo destruídos.

Durante 2017, ademais, tramitáronse máis de 3.600 denuncias por delitos relacionados co furtivismo nas rías galegas, feitos polos que 112 persoas foron detidas ou investigadas.

Rosa Quintana sinalou que Galicia "é unha das poucas" comunidades españolas que contan cun equipo "tan potente" na loita contra o furtivismo e avanzou que a Xunta seguirá renovando os medios materiais e humanos para a loita contra a pesca e o marisqueo furtivo.

Ademais, celebrou a coordinación "exemplar" que existe en Galicia entre todos os corpos e forzas de seguridade do Estado para facer fronte a este fenómeno.

O esforzo por combater esta "lacra", engadiu, esténdese por todas as rías galegas pero especialmente naquelas zonas de maior produción como a ría de Arousa, onde "nos volcamos máis a traballar", segundo Quintana, que destacou o descenso deste fenómeno en dúas zonas "prioritarias" como a ría do Burgo e a ría de Ferrol.