"Se fose para traballar, non habería tanta xente aquí"

Pontevedra
02 de febreiro 2016

Pontevedra recupérase do incendio vivido na noite deste luns 1 de febreiro, mentres numerosos curiosos se achegan á zona para ver de primeira man o ocorrido  

Numerosos cidadáns acudiron para velo edificio incendiado na Ferrería
Numerosos cidadáns acudiron para velo edificio incendiado na Ferrería / Mónica Patxot

Pontevedra esperta este martes co susto do incendio que tivo lugar na noite do luns 1 de febreiro, na praza de A Ferrería. En cuestión de dúas horas as lapas devoraran toda a estrutura interior do edificio. Desde a mañá temperán numerosos curiosos quixeron ver como quedara o edificio que aínda seguía exhalando fume. Eran moitos os comentarios e cada persoa tiña a súa versión, mesmo había algún despistado que non sabía nada do ocorrido.

"Se fose para traballar, non habería tanta xente aquí", sinalaba un dos transeúntes. Outra señora expresaba o seu desencanto, "a xente só está aquí para incordiar". Mentres que algúns aproveitaban para coller o seu teléfono móbil e sacar un par de fotos, aínda que moito menos que a noite anterior.

Os rumores comezaban a facer acto de presenza e varias persoas lanzaron afirmacións: "algúns din que foi un curtocircuíto, outros cren que foi provocado, aínda non sabemos nada", enunciaba unha das señoras que se achegaron ata a zona. Os nenos tamén preguntaban pola "atracción do día", querían ver que había dentro e algúns rogaban aos seus pais se podían pescudalo.  

Unha muller sinalaba, "seguro que cando se recupere monta o negocio outra vez aquí". A maioría só se achegou para ver que pasara de primeira man. Aínda que os vídeos de whatshapp onte non cesaban, e eran poucos os que non se decataran da noticia.

Todos sentían pena pola tenda que levaba moitos anos na mesma zona e era un referente en Pontevedra, pero moitos dos espectadores eran demasiado novos para lembrar a súa traxectoria. Ben entrada a tarde, despois de 24 horas do incendio, a xente continúa achegándose á praza.

 

Arquivado en