Os días pasan lentos durante o periodo de confinamento. Despois dunha semana nesta situación, prevése que a corentena se amplíe dúas semanas máis. Entón, que podemos facer para non sucumbir a ansiedade?
Segundo expertos, é normal que a incertidumbre que estamos a vivir faga que sintamos ansiedade, medo e que nos perdamos en pensamentos pesimistas, pero tamén temos que poñer da nosa parte para superar toda esa negatividade.
O primeiro que debemos facer é asumir que imos a estar un longo período sen poder saír á rúa, e, polo tanto, concienciarnos de que non existe outra vía de escape: temos que quedar na casa. Así que hai que seguir coas rutinas que facíamos antes de que se establecera o confinamento. É o caso de José Manuel, un veciño pontevedrés que asistía a clases de ioga dúas veces por semana. Agora, realiza este exercicio na casa. "Axúdame moito a combater a ansiedade. O relax que me proporciona consegue que poida estar o resto do día concentrado noutras cousas", asegura.
Ademais, tamén debemos descartar a idea de estar todo o día co pixama. Hai que vestirse con roupa cómoda, arranxarse e vernos ben. Estar continuamente vestidos co pixama e desamañados pode darnos unha imaxe de estar enfermos, e iso é o que menos desexamos crer nesta situación. É moi importante non estar todo o día sentados diante da televisión. A sobreinformación pode levarnos tamén a sufrir ansiedade ante este virus tan descoñecido.
Por isto, numerosas plataformas ofrecen actividades culturais desde casa. Unha delas é o Museo de Pontevedra, que mediante o hashtag #OMuseoNaTúaCasa habilitou na súa páxina de Facebook visitas guiadas á institución con imaxes en 360 graos das diferentes exposicións vixentes. En cada unha delas, ademais, fan unha breve explicación da obra que tratan, tanto en castelán como en galego.
Se a arte non nos atrae, podemos aproveitar este período para aprender algo novo. Manternos entretidos fai que non teñamos pensamentos negativos. Para isto, as redes sociais poden servirnos de axuda. Dependendo da disciplina que queramos aprender, podemos usar a fábrica de tutoriais na Rede, máis coñecida como Youtube, onde millóns de persoas soben contido cada día.
Pero sobre todo, o que temos que facer é quedar na casa, ser responsables e seguir as recomendacións das autoridades. Vai para longo e hai que estar preparados.