Deron a badalada cunha serie de vídeos didácticos sobre os problemas do monte galego que o condenan ao abandono e á aparición de incendios forestais. Savia Nova regresa agora á carga cunha nova serie audiovisual que ten como obxectivo demostrar a variada capacidade produtiva que teñen as nosas ladeiras.
A posta de longo tivo lugar este martes na renovada Casa do Mercado de Estribela na que se reuniron máis de setenta persoas para presenciar a estrea desta nova obra producida por Diego Muñoz e Diego Santaclara, creadores da produtora marinense Trece Amarelo; e degustar algúns dos produtos que fan de fío condutor desta nova serie e que son o froito do traballo de comuneiros, veciños, cooperativas e empresas de Pontevedra e a súa contorna.
O presidente da Mancomunidade de Montes de Pontevedra, Iván Pérez, volve ser a cara visible deste traballo titulado Monte e cociña, da prevención ao prato. Como na serie anterior, el é o encargado de explicar e presentar os diferentes casos de éxito que demostran que o sector forestal ten futuro. "Tratamos de mostrar que hai moitos traballos que demostran que a posta en valor é a mellor forma de prevención, defensa e diversificación do monte", asegura o comuneiro.
Aínda que o público tivo a oportunidade de gozar en primicia dos catro capítulos que compoñen a serie, os que non puideron acudir ao evento xa teñen á súa disposición o primeiro episodio na canle de Youtube de Savia Nova. Nesta primeira parte, Iván Pérez visita en Moaña aos promotores da cooperativa Meixoeira, cuxo rabaño de cabras peitea os montes de Meira para acabar coa maleza ao mesmo tempo que producen leite coa que elaboran un queixo premiado a nivel internacional.
O resto de capítulos irán subindo ao longo do mes de outubro para seguir convencendo aos escépticos de que o monte ten vida e futuro. Só hai que apostar por el.