Saúde Pública comunica dous novos falecementos de pacientes con covid na área sanitaria

Pontevedra
11 de abril 2022

Os distritos sanitarios de Pontevedra e O Salnés elevan a cifra de mortes a 272 desde o inicio da pandemia. Neste luns rexistrase un descenso do número de casos activos. Si hai un aumento de pacientes ingresados respecto ao venres: 1.260 persoas teñen infección activa, das que 76 están hospitalizadas, ás que se suma un enfermo na Unidade de Críticos de Montecelo

Datos covid neste 11 de abril de 2022 na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés
Datos covid neste 11 de abril de 2022 na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés / Consellería de Sanidade - Xunta de Galicia

Este luns 11 de abril, a Consellería de Sanidade informa de 1.260 casos activos na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, 20 menos que o sábado. Aumentan as hospitalizacións, con 16 pacientes máis que o venres. Este luns hai 76 persoas ingresadas coa enfermidade e un enfermo permanece na Unidade de Coidados Críticos do Hospital Montecelo. Durante a fin de semana rexistráronse 192 novos contaxios.

Saúde Pública informou da morte de dúas persoas durante as últimas xornadas confirmándose que estaban infectadas. Trátase dun home de 85 anos, que falecía o 7 de abril e un home de 95 anos, que perdía a vida ao día seguinte.

Con estas mortes, o número de falecidos nos distritos de Pontevedra e O Salnés desde o inicio da pandemia elévase a 272 persoas. 

A incidencia acumulada a 7 días na cidade de Pontevedra sobe a 194 casos por 100.000 habitantes, mentres que a incidencia acumulada a 14 días redúcese a 371.

DATOS EN GALICIA

En Galicia, Saúde Pública comunicou un total 11 falecementos durante os últimos días de persoas infectadas. Todas elas maiores de 74 anos e con outras enfermidades previas nos seus historiais clínicos. A cifra de persoas falecidas ascende a 3.254 desde que se comezaron a notificar datos de mortes con covid.

O número de casos activo descende en 436 persoas cun total de 11.506 casos activos. Ascende, en cambio, o número de pacientes hospitalizados coa enfermidade. Este luns rexístranse 562 ingresados, 73 máis que o sábado. Na UCI permanecen 14 pacientes, catro menos.

Rexistráronse 1.623 novos positivos de coronavirus nas últimas 48 horas. Son 458 contaxios diarios máis respecto a os do sábado e 435 máis respecto a os detectados hai sete días.