Partían "cunha situación complicada" segundo as enquisas, pero finalmente logrou manter os tres concelleiros cos que contaba na corporación municipal. Por iso o candidato do Partido Socialista, Agustín Fernández, falou na súa primeira valoración electoral de "satisfacción".
Tras esperar practicamente á fin do escrutinio para confirmar o resultado, Fernández compareceu ante os seus compañeiros de formación e xornalistas sorrinte convencido de que "conseguimos trasladarlle aos cidadáns a nosa xestión no Concello".
O representante socialista entende que "se falou moito de maiorías absolutas e os cidadáns de Pontevedra decidiron que non as haxa. Desconfían de califatos e soberbias" manifestou.
Agustín Fernández: "Conseguimos trasladarlle aos cidadáns a nosa xestión no Concello"
En relación a se volverán formar goberno co Bloque Nacionalista Galego, Agustín Fernández mantén que "queremos que en Pontevedra haxa gobernos fortes e estables" pero que "non é momento de falar de pactos" polo que "xa veremos o que pasa nos próximos días".
Por último, en relación aos seus rivais nas urnas, o candidato do PSOE valorou como previsible a irrupción de novas forzas pero ve como "importante que non se fai a costa do Partido Socialista", mentres no caso do Partido Popular acusa de "desastre absoluto" e "resultado moi pobre" os seus sete concelleiros, o que considera como un "castigo moi forte".