O concelleiro de urbanismo, Xaquín Moreda, expresou a "satisfacción" do Concello de Pontevedra pola acollida que tivo a xornada de portas abertas do convento de Santa Clara para os veciños.
Xaquín Moreda valorou que a convocatoria deste mércores tivo "moito éxito" xa que "a xente estaba desexosa de entrar porque levaban toda a vida vendo Santa Clara desde as súas xanelas". A estas visitas acudiron máis de 400 veciños que se organizaron en varios grupos para poder visitar o interior do cenobio.
Moreda sinalou que o público tiña moitas curiosidades, tal e como se reflectiu nas numerosas preguntas que formularon. "Desde o Concello estamos moi contentos con que esta primeira visita da cidade de Pontevedra fóra cos veciños", dixo o edil nacionalista.
O concello tamén programou outras dúas visitas guiadas de tipo "sectorial" para este venres, unha delas está dirixida o "sector cultural" de Pontevedra e a outra a "todo tipo de cargos institucionais" que tamén están a mostrar gran interese por asistir, a xulgar polo alto número de confirmacións recibidas.
O Concello cursou invitación ao vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda e ao conselleiro de Cultura, Román Rodríguez.
Proximamente haberá máis visitas "sectoriais" doutros colectivos que expresaron o seu desexo de coñecer Santa Clara, como é o caso da Escola de Restauración ou o Colexio de Arquitectos.
O sábado e o domingo haberá visitas libres aos xardíns do Convento. Non será preciso solicitar reserva de ningún tipo para acceder e gozar destas xornadas de portas abertas. Será suficiente con chegar e pasar pola porta de acceso, que contará con controladores para evitar aglomeracións de calquera tipo. O aforo será de 250 persoas, por motivos sanitarios.
O horario de apertura será ininterrompido, desde as 10 ata as 18 horas. A entrada será gratuíta e para todas as idades, e estará situada na entrada de carros, a última porta da edificación seguindo a rúa Santa Clara dirección Cobián Roffignac.
Con todo, si existe unha recomendación desde o Concello, que non é outra que o consello de acceder ao recinto cun tipo de calzado cómodo e mesmo pechado. A maioría da zona verde non conta con camiños como tal, e aínda que se habilitou un percorrido de ida e outro de volta que permitirá un fluxo constante de visitantes, o piso pode ser brando e de terra.
Para o próximo ano habilitaranse visitas guiadas ao interior do convento abertas a toda a cidadanía previa reserva.