Satisfacción na hostalería e no Concello polo resultado do Portonovo Gastronómico

Sanxenxo
06 de maio 2023

A concelleira de Cultura, Paz Lago, reuniuse cos locais participantes para valorar os resultados da nova cita festiva

Ambiente durante a celebración do "Portonovo gastronómico"
Ambiente durante a celebración do "Portonovo gastronómico" / Concello de Sanxenxo

Tanto Concello como os locais de hostalería teñen claro que a nova fórmula "Portonovo Gastronómico. Festa da Raia" funcionou e debe fixarse no calendario festivo do próximo ano. 

A concelleira de Cultura, Paz Lago, mantivo un encontro cos establecementos participantes para facer balance e valorar melloras para próximas edicións.

Concentrar a parte gastronómica nos locais e apostar pola animación na rúa resultou un "éxito" que leva a realizar un balance "moi positivo" da cita, segundo aseguraron os propietarios dos locais durante a reunión.

A combinación de actividade na rúa coas propostas gastronómicas dos locais atraeu durante a pasada fin de semana a Portonovo a máis de 6.000 persoas, datos calculados polos propios establecementos participantes en función das tapas e das mesas ocupadas, durante os dous días e medio de duración da cita gastronómica.

A pesar do gran número de persoas que se concentraron, especialmente na Rúa dos Viños e Rafael Picó, a festa saldouse sen ningún tipo de altercado e incidente mantendo en todo momento o bo ambiente.

As actividades programadas pensadas para os distintos tipos de público contaron en todo momento cunha gran participación: Charangas, concertos, talleres e espectáculos rueiros.

Os 22 locais serviron máis de 3.000 tapas das 44 modalidades elaboradas exclusivamente para a cita gastronómica, en moitas delas coa raia como protagonista. En canto ao sorteo de estancias, un total de 48, en hoteis con spa de Sanxenxo, tamén foron moi valoradas polos hostaleiros e como unha boa forma de promocionar o destino.